TRANSPORTE PÚBLICO

Mellorar o transporte por estrada na comarca da Barbanza

Rosana Pérez. BNG
Rosana Pérez. BNG
O grupo parlamentar do do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa da deputada Rosana Pérez Fernández e dos deputados Paulo Ríos Santomé e Luis Bará Torres veñen de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento Galego arredor do que se considera a insostíbel situación actual do servizo de transporte público na comarca da Barbanza.
Mellorar o transporte por estrada na comarca da Barbanza

En concreto rexistrouse unha Proposición non de lei e unha Interpelación Plenaria para o debate e resposta en Pleno. Mesmo o BNG apunta que de non subsanarse esta problemática terase que abrir un novo concurso do servizo de transporte público e transporte escolar na comarca da Barbanza, que teña en conta todos os antecedentes á hora da adxudicación e que poña fin definitivamente á situación de absoluta desatención que veñen padecendo os usuarios e usuarias da comarca.
Son moitos e coñecidos os múltiples e importantes problemas que se están a rexistrar no transporte público da comarca da Barbanza e esíxese a Xunta que adopte as medidas oportunas que garantan o cumprimento das condicións do contrato e, de ser o caso, abrir expedientes e interpoñer sancións por incumprimento das devanditas condicións.

O BNG xa presentou en varias ocasións iniciativas ao longo deste asunto no ano 2022, nalgún caso mesmo aprobadas polo Partido Popular mais, como tantas outras veces, non levou a cabo nin un soa actuación para dar cumprimento ao acordado unanimemente en sede parlamentar.

Volveuse a incidir neste mesmo senso o 12 de maio que tamén se apoiou unanimemente mais vemos una vez máis que non só seguen a producirse ducias de incidencias, senón que a situación agravouse aínda máis, se cabe. A realidade diaria de miles de persoas faise cada vez máis insostíbel, o que provoca malestar, protestas dos usuarios e usuarias, nomeadamente do transporte escolar, denuncia dos concellos de continuos e flagrantes incumprimentos da empresa e, en definitiva, cada vez máis tensión polo desatendemento e caótico funcionamento do transporte público, non só das liñas en cada concello, senón entre concellos da comarca, entre comarcas (nomeadamente, entre A Barbanza e Muros e Noia) e entre a comarca e outros puntos do país (nomeadamente, a capital de Galiza).

Ollamos que persisten as impuntualidades, os retrasos inxustificados, autobuses que non pasan nas horas previstas, a ausencia total de información nas marquesiñas e nas paradas dos horarios e frecuencias dos autobuses, o insuficiente número de autobuses e prazas nos mesmos, as deficiencias no estado dos autobuses, nalgúns casos  calamitoso, a falta deles con adaptación ás persoas con mobilidade reducida, a incapacidade para atender os centros escolares, sendo as familias do alumnado quen realiza en moitas ocasións a función de “transporte escolar” que debera garantir a Xunta de Galiza, a descordinación e ata a desconexión co Hospital da Barbanza e cos Hospitais de Conxo e Clínico de Santiago...

Isto, que o Goberno Galego chama “incidencias puntuais” coas que sempre se escusa, tradúcese na realidade nun moi mal funcionamento dun servizo público esencial. Non pode seguir facendo ouvidos xordos ás queixas e demandas diarias que se veñen producindo dende hai tanto tempo. A súa obriga, di o texto da proposta, é velar polo cumprimento estrito do que se contempla nos contratos, tomar as medidas necesarias para corrixir definitivamente este despropósito e, se aínda así continúan os incumprimentos, como é o caso, rescindir a concesión e proceder a un novo concurso.

Mellorar o transporte por estrada na comarca da Barbanza