CRITICA AO EXECUTIVO DE RUEDA POR ESCUDARSE EN ESCUSAS PUNTUAIS COMO A CHOIVA E NON ENFRONTAR A PERDA DE PRODUTIVIDADE CONTINUADA NAS RÍAS GALEGAS

Ana Pontón propón en Rianxo un fondo extraordinario de axudas ao marisqueo pola mortaldade nas rías, que sofren un “problema estrutural”

undefined
Rolda de prensa en Tanxil (Rianxo)
A portavoz nacional, Ana Pontón, propón un fondo extraordinario de axudas para compensar a caída nos ingresos das mariscadoras e mariscadores afectados pola mortaldade masiva nas rías galegas, fundamentalmente de ameixa e berberecho, pero que tamén afecta a outras especies, e que, segundo recalcou, non é un problema puntual como pretende facer ver o Goberno do PP, senón un problema estrutural de perda de produtividade continuada.
Ana Pontón propón en Rianxo un fondo extraordinario de axudas ao marisqueo pola mortaldade nas rías, que sofren un “problema estrutural”

A portavoz nacional, Ana Pontón, propón un fondo extraordinario de axudas para compensar a caída nos ingresos das mariscadoras e mariscadores afectados pola mortaldade masiva nas rías galegas, fundamentalmente de ameixa e berberecho, pero que tamén afecta a outras especies, e que, segundo recalcou, non é un problema puntual como pretende facer ver o Goberno do PP, senón un problema estrutural de perda de produtividade continuada.

Pontón critica ao Executivo de Alfonso Rueda por “non estar á altura” e limitarse a poñer escusas “como que en Galiza chove, cando en Galiza leva chovendo moito durante toda a súa historia”, sen enfrontar o problema de fondo de perda de produtividade que levan padecendo as rías galegas dende hai décadas.

“Necesitamos un goberno que dea solucións e tome medidas e non un goberno que estea botando balóns fóra”, afirmou en Rianxo, onde, acompañada da portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez, comprobou de primeira man coa confraría e mariscadoras e mariscadores da vila, o que considerou un dos grandes problemas do sector xusto na campaña de Nadal e que supón un “mazazo tremendo” para miles de familias que dependen directamente do marisqueo. 

Encontro marisqueo en Rianxo

A líder nacionalista na súa visita a pé de praia e rodeada das mariscadoras de Rianxo, un dos colectivos máis afectados, urxiu á Xunta, que ten as competencias exclusivas na materia, a asumir a súa responsabilidade e facilitar solucións a curto prazo como o plan extraordinario de axudas proposto polo BNG, xa que a declaración de zona catastrófica “pode ser unha medida, pero sabemos que é a longo prazo” e non dá resposta á urxencia que require a situación para as mariscadoras e mariscadores que “levan meses sen ter absolutamente ningún ingreso ou moi pouquiños”.

De igual xeito, defendeu a creación dun comité de crise -integrado por Xunta, sector, universidades e centros de investigación- para abordar “o problema de fondo”, a perda de produtividade nas rías que, segundo indicou, “vénse acelerando nos últimos anos” e ante o que o Goberno do PP “o único que fixo foi facer como que non existía”. “Unha tremenda irresponsabilidade porque estamos falando dun sector que é estratéxico, unha das columnas vertebrais da economía do noso País en toda a súa zona costeira”, reprochou.

Pontón tamén defendeu na Confraría de Rianxo, acompañada do seu Patrón Maior, e do responsábel local do BNG Fran Rey, a posta en marcha dun protocolo para o baleirado dos encoros co fin de evitar que desauguen en baixa mar sen ter en conta o dano que pode sufrir o marisqueo, provocando “a morte de todo o traballo de meses” e provocando, polo tanto, unha evidente afección económica e medioambiental.

Neste sentido, reafirmou o compromiso do BNG para poñer en marcha liderando o goberno do cambio este protocolo que estableza responsabilidades, control e sancións porque “o que non pode ser é que teñamos un Goberno do PP que pon os intereses das eléctricas por diante do sector marisqueiro”.

Por último, e ao igual que reclama o sector, avogou por un estudo científico para abordar “en serio” o problema de contaminación que sofren as rías e abordar dunha vez por todas a súa rexeneración para que recuperen a súa calidade medioambiental e as súas zonas produtivas, converténdoas en motor económico de futuro.  

A portavoz do Bloque mostrou a súa preocupación ante os Orzamentos 2024 que vai aprobar en solitario a semana que vén o Executivo de Rueda e nos que se reflicte “unha caída do 37% dos fondos destinados ao mantemento dos bancos marisqueiros” o que, segundo advertiu, representa “un exemplo moi claro da desatención que a Xunta ten cun sector tan importante no País como é o marisqueiro”. 

Fronte a un Goberno do PP que non ofrece solucións a un sector que considerou “estratéxico e cun enorme futuro”, Pontón comprometeuse dende o goberno que aspira a presidir a defender o sector, abordar os problemas estruturais que teñen as rías e a poñer en valor o seu enorme potencial e capacidade porque “producimos o mellor marisco do mundo, pero temos un goberno que non fai absolutamente nada ante os problemas estruturais”, concluíu. 

 

Ana Pontón propón en Rianxo un fondo extraordinario de axudas ao marisqueo pola mortaldade nas rías, que sofren un “problema estrutural”