ROSANA PÉREZ DEFENDE A POSTA EN MARCHA DUNHA BATERÍA DE MEDIDAS PARA “MANTER AS CAPTURAS, CONSERVAR O EMPREGO E PROPORCIONAR UNS INGRESOS DIGNOS”

O BNG empraza a Mar a atallar a sangría na produtividade das rías galegas porque o sector do marisqueo está xa “ao límite”

undefined

Reclama investigar sobre as causas da mortaldade do marisco, intensificar o saneamento das rías, regular o baleirado dos encoros e axudas para o sector

 

O BNG empraza a Mar a atallar a sangría na produtividade das rías galegas porque o sector do marisqueo está xa “ao límite”

A deputada do BNG Rosana Pérez defendeu no Pleno a posta en marcha dunha batería de medidas destinadas a atallar a difícil situación que atravesa o sector marisqueiro debido á baixa produtividade que se está a rexistrar dende hai tempo nas rías galegas. “É imprescindible que se comece a atallar a sangría da perda de produtividade” nas rías co obxectivo de “manter as capturas, conservar o emprego e proporcionar uns ingresos dignos para manter a actividade”, advertiu a deputada do BNG.

 

Rosana Pérez alertou de que o sector do marisqueo está “ao límite” e emprazou á Consellería do Mar a “non mirar para outro lado” e actuar xa, porque “estamos nun punto de inflexión” e, se ben o sector sabe que a situación actual non se soluciona de inmediato, tamén sabe que se necesitan recursos para revertela, apuntou.

 

A través dunha moción, contra a que votou o PP, o BNG demandou entre outras cuestións a realización de estudos científicos que axuden a determinar as causas da perda de produtividade das rías e, a partir de aí, medidas para freala. Un protocolo para o baleirado dos encoros “que pode ser efectivo en pouco tempo”, ou intensificar as actuacións para o saneamento das rías son outras das propostas que defendeu Rosana Pérez.

 

O plan do BNG pasa tamén polo apoio firme a criadeiros de semente propia, a creación dun seguro público de produción marisqueira que garanta uns ingresos dignos ás mariscadoras e os mariscadores, o control na introdución de especies mariñas foráneas e depredadoras ou o estrito control sanitario do marisco importado.

 

Rosana Pérez advertiu que na situación actual e despois das intensas choivas de outubro e novembro “non se pode deixar a ninguén atrás”, polo que é preciso activar “os mecanismos que sexan necesarios para atender economicamente ás mariscadoras e mariscadores que se viron afectados pola mortaldade masiva en distintas rías”, impedindo que abandonen a actividade ou se queden sen cobertura social. Axudas económicas que o BNG defende tamén para as confrarías, que sofren a baixada de ingresos pola diminución das ventas.

 

A deputada do Bloque considerou “inxustificábel” que o Goberno do PP achaque a falta de produción das rías exclusivamente aos efectos do cambio climático ou a episodios meteorolóxicos puntuais, pois o sector leva alertando anos do que está a pasar e “a perda de miles e miles de quilos nas diferentes especies é nestes momentos xa moito máis que unha alarma”. Asegurou, no mesmo sentido, que é unha “burla” que no PP “sempre falan de situacións excepcionais e extraordinarias para as que, pola contra, nunca teñen remedios ou medidas excepcionais”.

 

Pérez Fernández insistiu en que a perda de produtividade vai “moito máis alá” dos episodios de mortaldade masiva destes meses e alertou de que “a situación é cada vez peor” non só na produción de ameixa ou berberecho, senón tamén de mexillón, percebe, polbo ou outras especies “fundamentais” para o sector pesqueiro e marisqueiro.

 

Mentres iso sucede, a Consellería do Mar manexa uns orzamentos que “son cada vez máis raquíticos” , cun “escasísimo” aumento do 1,2 % do ano pasado a este e cunha execución que é das máis baixas do conxunto de departamentos da Xunta. No 2022, detallou, deixáronse sen executar 47 millóns dun total de 194 -case unha cuarta parte do total- e reducíronse partidas e programas principais que permitirían intervir nos bancos marisqueiros.

 

Lei do litoral, un arma arreboladiza e papel mollado sen traspaso de funcións

 

Rosana Pérez foi tamén hoxe a encargada de darlle a réplica do BNG á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na comparecencia sobre a lei galega do litoral que, na súa opinión, o PP está a utilizar como “arma arreboladiza para os seus propios intereses partidistas”. “Díganlle á xente que mentres non reclamen o traspaso de funcións e servizos esta lei é papel mollado”, afirmou a deputada nacionalista logo de lembrar que os populares “levan 14 anos gobernando e non só non reclamaron nin unha soa competencia senón que votaron sistematicamente en contra de reclamalas cada vez que o propuxo o BNG”.

 

Reprochou así ao Goberno dirixido por Alfonso Rueda que, malia que no caso da pesca e o marisqueo en augas interiores a competencia é exclusiva da Xunta, “desatenderon ata tal punto esa responsabilidade que hoxe temos unha situación nas rías que ten contra as cordas a miles de persoas no País”.

 

A evolución na produción das rías galegas está a piques de entrar en números vermellos grazas á súa nefasta xestión”, engadiu, alertando de que “se o mar pecha por inanición, cocedoiros, depuradoras e conserveiras tampouco poden abrir as portas”.

 

Que cadea mar-industria din agora querer protexer coa Lei do Litoral se son vostedes mesmos os que a veñen esmagando dende hai 14 nos?”, preguntou á conselleira Rosana Pérez, que deixou claro que o BNG discrepa coa interposición do recurso por parte do Goberno “hipercentralista” do Estado e que está a favor de ter as competencias en ordenación e en xestión do litoral, igual que o resto das que están pendentes de transferencia, tal e como figura no acordo de investidura asinado.

O BNG empraza a Mar a atallar a sangría na produtividade das rías galegas porque o sector do marisqueo está xa “ao límite”