8 SEMANAS DE CONCENTRACIÓNS EN RIBEIRA

Barbanza berra: Palestina vencerá!

undefined
O BNG participa xunto a diferentes organizacións das protestas contra o xenocidio e a barbarie israelí
Barbanza berra: Palestina vencerá!

Desde o comezo da invasión de Gaza por Israel, a Praza do Concello de Ribeira está a ser o punto de encontro das protestas barbanzás contra o xenocidio sionista. Cando as cifras de asasinatos se encamiñan ás 16.000 persoas, moitas crianzas, moitas mulleres, e aso 40.000 feridos, seguimos a ollar a pasividade e a complacencia internacional.

E non debemos nin queremos ser cómplices. Por iso o BNG desta bisbarra seguirá, xunto a sindicatos como a CIG, colectivos como Somos Refuxio de Ribeira, acudindo ao chamado das organizacións Mar de Lumes, BDS Galiza, a Asociación Galego Árabe Jenin e Galiza por Palestina, baixo o lema de Palestina vencerá!

Poema a Palestina de Pilar Pallarés (do blogue de Carlos Callón)

Puiden vencer aquela vez a morte,
cando o ceu se abateu sobre nós en forma de metralla
e o cheiro animal do sangue
ocultou para sempre o dos limoeiros na casa dos meus pais.

O ceu aproximou-se até eu o tocar cos dedos
e estava vivo e quente como o ventre das feras,
pero era enxofre e mancava os calcañares
con arrestas e cal.

Despois houvo un siléncio entre os meus sete anos
aquel pátio onde á tarde brincava
perseguindo os insectos.

Sorrin cando me fotografou co meu gato Kamal entre os escombros
un dos homes franceses,
sorrin e avancei altivo como os guerreiros e os profetas
porque as cancións da avoa din que a pátria está perto
e a vitória non tarda.

Resistin aquela morte e outras mortes
e non ollei atrás
e cando os nosos soldados saíron expulsados da cidade,
dei-me présa en medrar
e fun soldado
e erguin contra Israel o brazo e a razón,
o peso dos meus soños
e unha pátria a cumprir-se

Barbanza berra: Palestina vencerá!