Esta mañá, o BNG das dúas comarcas, presentou en Noia o Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña coa deputada Ánxela Franco.
A deputada provincial do BNG comentou que o novo plan é a forma máis xusta de reparto para os veciños e veciñas sen ter en conta as siglas políticas do partido que goberne cada Concello, que ademais supón un aumento dos ingresos que estes perciben, mediante un reparto máis democrático, con maior transparencia e utilizando criterios obxectivos para evitar as desigualdades que propiciaban os repartos feitos durante os gobernos do PP na Deputación.
Destacou Ánxela Franco que este novo sistema de financiamento dos concellos faise con criterios obxectivos, evitando o aumento da débeda que moitas veces supoñía a achega do 20% que esixían plans anteriores e facilitando o pago a provedores, o que favorece mellorar a situación das empresas locais e a xeración de emprego.
Pola súa parte, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, puxo de manifesto a coherencia do BNG, que no goberno leva a cabo o que propón na oposición, renunciando ao dereito ao reparto discrecional dos fondos da Deputación, práctica habitual nos gobernos do PP, mais non do BNG. Expresou tamén o seu desexo de que a Xunta de Galiza utilice os mesmos criterios de obxectividade e transparencia para evitar o uso partidista que o PP fai cando, por exemplo, no último semestre do 2016, o 86% dos convenios de Augas de Galicia foron asinados con concellos gobernados polo PP e ningún con concellos gobernados polo BNG.
Pola súa parte, a responsábel comarcal da Barbanza, Cristina Andrade, destacou o incremento de ingresos que implica para concellos desta comarca o novo plan con respecto aos do PP, que nalgún caso, como sucede no concello de Ribeira supón máis dun 100%. Tamén aludiu ao paradoxo de que os concellos que máis beneficiados resultan polo cambio a criterios obxectivos sexan Boiro e Ribeira, gobernados polo PP, que votou en contra deste novo plan, concretamente na persoa do alcalde de Boiro, deputado provincial.
A representante da comarca de Muros-Noia, Irati García salientou que este plan pon fin ao reparto discrecional de cartos que facía o PP beneficiando aos concellos da gaivota. Tamén chamou a atención sobre a importancia de que o plan propicie o pago a provedores, co que isto significa para promover o emprego na comarca, cun incremento no que percibe cada concello de máis de 300.000 euros. Ademais advertiu Irati García que se lle debe esixir aos gobernos municipais que sexan serios co uso que vaian facer destes cartos, que deben servir para saldar a débeda cos provedores e, tamén, a débeda histórica cos veciños e veciñas.
Todos coincidiron en que o plan implica, ademais, unha moi significativa simplificación dos trámites e aforro en proxectos, que beneficiará sensiblemente ao funcionamento dos concellos.
Por último, o BNG animou a todos os veciños e veciñas a que fagan propostas nos respectivos concellos para incluír no plan, para o que ofreceu a axuda e colaboración da organización frentista.