O deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Xosé Luís Rivas "Mini", cualificou os orzamentos da Xunta para o 2017 de decepcionantes e continuístas, nos que unha vez mais a comarca do Barbanza foi esquecida.
Rivas declarou que o PP aposta por “máis do mesmo” e, no que respecta á comarca do Barbanza, confirmou que nos orzamentos só aparece consignada de maneira concreta unha partida de 800.000 euros para reformas no hospital, unha cantidade absolutamente ridícula que non vai solucionar as carencias que ten esta infraestrutura sanitaria.
O deputado do BNG tamén denunciou a falta de partidas concretas destinadas á promoción de emprego, atendendo vellas demandas da comarca como a de chan industrial nos concellos de Ribeira (sen un só metro de chan) e A Pobra, ou investimentos que potencien os sectores produtivos da comarca: destínanse só 33,8 millóns ao saneamento de todas as rías, unha partida que sempre aparece reflectida nos orzamentos ano tras ano pero que nunca se executou. Ademais, os orzamentos non recollen partidas para a limpeza de lodos, demanda reiterada de mariscadores e mariscadoras, nin outras medidas para potenciar o sector.
Con respecto ao saneamento das rías, a responsábel comarcal, Cristina Andrade, salientou que da partida total de 33,8 millóns non sabemos que cantidade lle pode corresponder á ría de Arousa. En todo caso, e tendo en conta a situación das nosas augas interiores, resulta unha cantidade irrisoria, sobre todo se temos en conta que hai infraestruturas imprescindibles para a rexeneración da ría como unha nova depuradora en Boiro, que non recollen os orzamentos.
Por outra parte, Andrade, manifestou que o feito de non consignar ningunha partida concreta á comarca do Barbanza, agás os 800.000 euros para o hospital, permiten ao goberno da Xunta facer un reparto discrecional dos cartos, sen criterios obxectivos.
Polo que se refire á sanidade e servizos sociais, a responsábel comarcal destacou que seguen sen resolverse antigas e reiteradas reivindicacións como o Centro de Día que precisa Rianxo ou a gardería que precisa A Pobra.
Finalmente Cristina Andrade declarou que o BNG da Barbanza vai propoñer unha serie de emendas aos orzamentos centradas na promoción do emprego, como a ampliación de chan industrial e a atención das demandas do sector pesqueiro e marisqueiro, na atención sanitaria e a prestación de servizos sociais, así como outras infraestruturas moi necesarias para a comarca que levan anos sendo esquecidas polo Partido Popular.