O BNG leva ao Parlamento a escaseza de médicos no Hospital da Barbanza

O BNG leva ao Parlamento a escaseza de médicos no Hospital da Barbanza.
Os membros do BNG, Luís Pérez, Amparo Cerecedo, Rosana Pérez, Balbino González e Raquel Suárez
O BNG leva ao Parlamento a escaseza de médicos no Hospital da Barbanza

O BNG rexistra iniciativas no Parlamento galego para reclamar que se dote de persoal médico suficiente as Urxencias do Hospital da Barbanza dada a “saturación que sofre o servizo” provocando unha peor calidade asistencial para os doentes e unha situación de “gran tensión laboral” para o persoal.

A deputada nacionalista Rosana Pérez Fernández, denuncia que a Consellaría de Sanidade somete ao persoal médico a unha precariedade “inasumíbel” ao asinar contratos por períodos inferiores a un mes e mesmo chega a contratar por días, avisando no mesmo día da quenda de traballo. “Esta inestabilidade laboral é un dos motivos polos que se está a producir unha saída constante de profesionais deste servizo” argumentou Pérez.

Desde o BNG informan que Urxencias ten un déficit de 4 facultativos que provoca unha sobrecarga nos profesionais e unha demora na asistencia a doentes. Este feito, súmase a que durante o 2022 no Hospital do Barbanza incrementou o número de asistencias en Urxencias nun 12,5% a respecto de 2019 sen que se producise ningún incremento no cadro de persoal, tampouco na quenda de noite onde se continúa con unicamente dúas facultativas a pesar de que as cifras teñen demostrado a necesidade dunha terceira.

Pérez Fernández lamenta que esta situación súmase ao deterioro da Atención Primaria galega que só recibe o 14% do total do gasto sanitario, moi lonxe do 25% que recomenda a Organización Mundial da Saúde. “Pedímoslle ao Goberno galego que rectifique os recortes e privatizacións e acepten as propostas que estamos poñendo enriba da mesa desde o BNG: plan de rescate de atención primaria de 200 M€, contratar máis profesionais e dotar de novos servizos os centros de saúde”.

Chamamento á mobilización 12 febreiro

Pola súa banda, o responsábel do BNG na Barbanza, Luís Pérez Barral acusa ao PP de ser “un perigo para a saúde dos galegos e das galegas” por negarse a destinar recursos económicos, persoas e materiais suficientes para garantir o dereito a ter unha sanidade pública de calidade.

“Imos deixar claro que non imos permitir que xoguen coa  saúde das persoas, nin que colapsasen os servizos sanitarios como Atención Primaria ou Urxencias. Por iso o 12 de febreiro “temos que encher a praza do Obradoiro para defender a sanidade pública galega, dando resposta contundente ante 13 anos de recortes e privatizacións e dicirlles alto e claro, que coa saúde non se xoga”.

O BNG leva ao Parlamento a escaseza de médicos no Hospital da Barbanza