O BNG apoiou as concentracións sanitarias e debateu no Parlamento iniciativas para reforzar os sanitarios na Barbanza

Membros do BNG no Hospital
Membros do BNG no Hospital
O BNG apoiou as concentracións sanitarias e debateu no Parlamento iniciativas para reforzar os sanitarios na Barbanza

O BNG sumouse hoxe ás concentracións en defensa da Sanidade pública feitas en Corrubedo e no Hospital da Barbanza para reclamar a dotación do persoal médico suficiente que remate co colapso que padece e garanta a atención de calidade á poboación.

A concentración convocada polo persoal médico de Urxencias trata de visibilizar a situación límite provocada pola importante carga asistencial e polas precarias condicións laborais que sofren. O persoal de Urxencias vén sufrindo unha precariedade sistemática na contratación, pois “a pesar das evidentes necesidades que presenta o servizo, véñense realizando contratos por períodos meses ou semanas, chegando a contratar por días e avisando no mesmo día da quenda de traballo” denuncian os nacionalistas. Esta situación de inestabilidade laboral foi motivo para que se producise unha saída constante de profesionais deste servizo.

Mentres se realizaba a concentración no Hospital da Barbanza, no Parlamento de Galiza debatíase unha iniciativa do BNG que denunciaba a falta dun cadro médico acorde ás necesidades reais do servizo. A deputada Rosana Pérez denunciou o déficit de 4 facultativas o que implica “unha gran sobrecarga ata o punto de que hai persoal pendente de desfrutar as vacacións correspondentes ao ano anterior”.

“No ano 2022 o número de asistencias a urxencias atendidas no Hospital da Barbanza incrementouse un 12,5% a respecto de 2019 e malia este incremento, non se produciu ningún incremento no cadro de persoal” lamentou Pérez Fernández. A nacionalista tamén explicou que na quenda de noite continúase con só dúas facultativas a pesar de que as cifras teñen demostrado a necesidade dunha terceira ou como non se reforza no período estival, a pesar de que a comarca do Barbanza experimenta un incremento notorio da poboación.

Na propia concentración, as representantes do BNG, Cruz Rivadulla, Carlos Ansoar, Xana Ledo, Antía Alberte e José Sanmiguel denunciaron que a falta de persoal médico está implicando traslados a Santiago e un aumento nas listaxes de agarda. “Pedímoslle ao PP que deixe de xogar coa saúde da xente e atenda as propostas do BNG para reforzar o número de profesionais, garantindo así unha atención sanitaria de calidade”.

O BNG apoiou as concentracións sanitarias e debateu no Parlamento iniciativas para reforzar os sanitarios na Barbanza