O Bloque Nacionalista Galego da Barbanza vén de facer unha análise dos orzamentos da Xunta para o ano 2021, concretamente das partidas dedicadas á comarca.
“Nin son os orzamentos máis altos nin os máis sociais da historia”, indica a deputada Rosana Pérez Fernández. Para os nacionalistas, o documento presentado polo Partido Popular non recolle as necesidades que ten a comarca da Barbanza nove meses despois de se iniciar unha pandemia, nin nin eido sanitario, nin no social, nin no económico.
O BNG analiza o documento orzamentario presentado hai uns días no Parlamento Galego, “as partidas, os números e os conceptos, non os compromisos. Descoñecemos os compromisos que algúns alcaldes do PP da comarca din ter co PP da Xunta. Nós cinguímonos, como é obvio, ao documento entregado” declara Pérez.
Segundo os números, os orzamentos para a comarca da Barbanza son inferiores aos do ano 2020 “tanto cuantitativamente como cualitativamente. Non encamiñan cara a saída da crise, nunha comarca que, pese a todo, segue a ser moi dinámica social e económicamente, e cun peso poboacional importante”.
Salvando a dotación para infraestruturas, onde hai un investimento para EDAR e melloras de sistemas de saneamento, o resto está practicamente desaparecido ou é inexistente nos orzamentos da Xunta.
O concello de Boiro e melloras sanitarias, ausentes
“Con nome e apelidos, non atopamos o concello de Boiro en todo o documento orzamentario. E non é o único que está ausente” sinala a deputada nacionalista.
A respecto da crise sanitaria e social da comarca non se atopan investimentos destinados a paliala. Destacan, por exemplo, a ausencia de partidas destinadas a mellorar o centro de saúde da Pobra do Caramiñal nin para o Centro de Día de Rianxo “un local que mercou o concello despois dunha presión social importantísima e unha demanda que a día de hoxe o PP segue sen atender, sendo unha demanda lóxica e de necesidade para toda a comarca”. Tampouco para os consultorios periféricos da comarca: nin Cabo de Cruz, nin Taragoña, nin Palmeira, nin Aguiño, nin Corrubedo. “Estes orzamentos non plasman melloras de recursos humanos nin de recursos materiais nos consultorios da comarca”.
En canto ao Hospital da Barbanza, incluso despois de que o presidente da Xunta prometese hai poucas semanas que se ía acometer unha nova planta de hospitalización no centro, algo moi demandado por profesionais e usuarios, os orzamentos para o 2021 reflicten un total de 0 € para esta mellora.
Facendo referencia a outra vella demanda do concello de Ribeira e de toda a comarca, apuntan que non se destina nin un euro á construción ou rehabilitación dalgún edificio para unha residencia de maiores. “Só hai unha en toda a comarca, absolutamente insuficiente e nin tan sequera é pública”.
Non hai partidas para estudos de viabilidade dunha conexión ferroviaria na comarca nin mostra de intención de crear chan industrial, “unha reclamación que hai que atender nunha comarca que demanda creación de emprego”.
O sector do mar: o gran esquecido
En relación coa consellaría do Mar, nun momento no que o sector do mar foi declarado sector esencial e con gran parte da hostalaría pechada, un sector que padeceu e padece especialmente as consecuencias da pandemia, o documento orzamentario non propón medidas nin acompaña a xente do mar. “O Partido Popular non lle bota unha man a un sector tan importante para esta comarca como é o do mar” sinala a deputada nacionalista.
A conclusión que extraen os nacionalistas do documento é que o Partido Popular non ten vontade para solucionar a crise sociosanitaria na que a comarca está inmersa. En definitiva, cualifican os orzamentos para o ano 2021 de “altisimamente decepcionantes e moi escasos para unha comarca como a nosa, dinámica social, económica e poboacionalmente”.
Elaboración de emendas que recollen demandas sociais
Tendo en conta todo isto, a responsable do BNG na comarca, Elvira Branco, indicou que xa deron comezo a un proceso de elaboración de emendas, localidade a localidade, que “recollerán o traballo realizado nos últimos meses man a man con entidades sociais da Barbanza”, coas que pretenden solucionar o maior problema do documento presentado polo Partido Popular: a ausencia de medidas destinadas a paliar a crise sociosanitaria.