O BNG reclama máis investimentos sociais e un impulso económico para A Barbanza
Pérez Fernández: “Os problemas crónicos da comarca non poden agardar máis”
“É posible facer unha política distinta, centrada nas necesidades actuais da veciñanza”
O Bloque Nacionalista Galego da Barbanza presentou esta mañá algunhas das súas emendas aos Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2021, unhas emendas que buscan resolver a falta de investimentos sociais destinados á comarca, así como proporcionarlle o impulso económico que esta precisa para saír da crise socio-sanitaria na que o país está inmerso.
A deputada nacionalista Rosana Pérez Fernández deu conta dunhas propostas de mellora baseadas nas necesidades e demandas máis urxentes e necesarias para as veciñas e veciños da Barbanza. “Estas emendas son un exemplo de que cos mesmos cartos é posible facer unha política distinta, centrada nas necesidades actuais da veciñanza e atendendo as súas demandas, de cara á mellora económico-social dunha das comarcas máis dinámicas do país”, salientou.
Os nacionalistas entenden que a atención ás persoas, sobre todo ás máis vulnerables, non é un gasto, senón un “auténtico investimento que mellora a calidade de vida e repercute no benestar xeral da poboación”, por iso consideran que os investimentos sociais teñen que ser absolutamente prioritarios.
Paliar a nefasta xestión da Xunta en materia de Sanidade
“Moitos dos problemas cronificados da Sanidade pública galega víronse agravados durante esta pandemia e non poden agardar máis”, denuncia a deputada, por iso o BNG propón un Plan de Continxencia, dotado en 46 millóns de euros, para garantir a atención presencial e a equidade na asistencia sanitaria, tanto para doentes afectados pola Covid como para o resto das patoloxías: “É un plan que busca, cando menos reducir as listaxes de agarda”. Engaden, ademais, outros 20 millóns de euros para aumentar o persoal de atención primaria, “a máis próxima aos usuarios e, precisamente, a que máis eivas segue a ter”.
En canto ao centro hospitalario comarcal, Pérez Fernández recórdalle ao presidente a súa promesa de construción dunha nova planta de hospitalización, ausente no documento presentado polo Partido Popular, cunha emenda de 2 millóns de euros. Neste sentido, os nacionalistas tamén propoñen melloras no centro de saúde da Pobra do Caramiñal e para unha ambulancia medicalizada na comarca, ambos por valor de 1 millón de euros.
“Non esquecemos tampouco o cumprimento do Pacto Local asinado no 2007 entre a Xunta e a FEGAMP para a asunción por parte do SERGAS do mantemento dos centros de saúde”, sinala a deputada. Para este acto, aínda sen efectivizar logo de 14 anos, os nacionalistas propoñen unha emenda de 4 millóns de euros, “isto beneficiaría os centros de Boiro e do resto da comarca”.
Máis recursos e servizos sociais
O BNG tamén busca atender as demandas de recursos e servizos sociais nos concellos da Barbanza. “Nunha comarca na que non existe ningunha residencia de maiores pública”, sinalan, “propoñemos a realización do proxecto dun centro residencial en Ribeira, por valor de 250.000 euros”. A esta proposta súmanlle 100.000 euros para o centro de día de Rianxo “do que a Xunta non quixo saber nada ata o momento, desprezando as peticións do seu alcalde, da súa corporación municipal e da súa veciñanza”.
Nesa liña, propoñen ademais un Plan Galego de Necesidades Específicas de Apoio Educativo, cun total de 15 millóns de euros, que sitúe en igualdade a todas as nenas e nenos no seu proceso de aprendizaxe, e, 50.000 euros dedicados ao proxecto de construción dunha escola infantil na Pobra do Caramiñal, unha proposta coa que pretenden solucionar a falta de prazas escolares de 0 a 3 anos nesta localidade.
No que respecta ao ámbito social, pero tamén medioambiental e económico, inclúen a elaboración dun Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán que o protexan e o poñan en valor, cunha emenda de 100.000 euros.
Revitalización e impulso económico da Barbanza
Dende o BNG entenden que a crise sanitaria deu paso xa a unha crise económica importante que é necesario atallar. Neste eido, os nacionalistas propoñen unha serie de emendas centradas en tres dos sectores económicos máis importantes da comarca, que afectan a milleiros de empregos.
Por unha parte, propoñen un Plan de rescate urxente para apoio aos autónomos especialmente afectados pola Covid, cun valor de 40 millóns de euros. No relativo á hostalaría e ao comercio, as emendas do BNG aos orzamentos do 2021 xiran arredor da creación de cadanseu Plan de Rescate para hostaleiros e negocios asociados e para o comercio, con 15 e 34 millóns de euros, respectivamente.
Finalmente, no que respecta ao sector do mar, un ámbito no que ten cabida unha grande actividade económica e de emprego na Barbanza, os nacionalistas propoñen un gran paquete de medidas que buscan “chegar a empregar no futuro a un maior número de persoas que poidan vivir do mar”. Inclúen un Proxecto de produción de semente autóctona na ría (2 millóns de euros.), un Plan especial urxente de actuación na recuperación dos bancos de libre marisqueo dos Lombos do Ulla, Cabío e O Bohído (2 millóns de euros), medidas para a incorporación de mozos e mozas ás actividades pesqueiras (1,3 millóns de euros), a ampliación do servizo do INTECMAR aos fins de semana e festivos (1,5 millóns de euros) e un Plan especial de recuperación e mellora produtiva do marisqueo na ría (2 millóns de euros), con actuacións para o reinicio da extracción do reloxo entre outros (80.000 euros). Finalmente, coidan urxente un Plan de recuperación polos efectos da Covid no sector marisqueiro e na pesca de baixura (6 millóns de euros), sectores imprescindíbeis económica e socialmente na comarca e moi prexudicados por seren considerados sectores esenciais durante a pandemia e non teren apoios suficientes diante do afundimento dos prezos dos produtos e para as canles de comercialización dos mesmos.
“As infraestruturas relacionadas coa actividade pesqueira e marisqueira, necesarias para manter esa actividade fulcral no noso tecido económico e social trasladan tamén, mediante as nosas emendas, unha boa serie de demandas do sector en toda a zona”, indica a deputada. Neste senso, o BNG propón melloras nos portos de Ribeira, Aguiño, Corrubedo e Palmeira por valor de 100.000 euros, melloras nos pantaláns e mantemento do peirao da Pobra por valor de 150.000 euros, e 1 millón de euros para a apertura de canles de circulación das correntes mariñas no peirao comercial da Pobra, “proxecto votado unanimemente no Parlamento en datas moi recentes, mais que a Xunta tampouco ‘lembrou’ incluír nos seus orzamentos para 2021”.
Finalmente, tamén fan mención a unha vella demanda da veciñanza da comarca que aínda non atopou acollida nos plans económicos e de mobilidade da Xunta: a conexión ferroviaria da Barbanza. Os nacionalistas propoñen elaborar un estudo, valorado en 500.000 euros, buscando poñer solución a unha necesidade que afecta a toda a sociedade barbancesa.