O Día do Orgullo LGBTI ofrece a oportunidade para saírmos unidas á rúa para manifestarmos que non nos avergoñamos de quen somos e para reclamarmos os nosos plenos dereitos; para vivirmos con liberdade e dignidade nunha sociedade xusta e igualitaria.
O concelleiro Luís Pérez Barral, expuxo que “desde o BNG seguiremos apoiando a loita do colectivo LGBTI e continuaremos co traballo que facemos man na man coas organizacións para erguermos unha Galiza verdadeiramente libre para todas e todos, independentemente da nosa identidade de xénero ou a nosa sexualidade”. Se ben é certo que a situación das persoas LGBTI mellorou en moitos aspectos nos últimos anos, tamén cabe recalcar que os problemas persisten e que a LGTBfobia está lonxe de ser erradicada.
Especialmente grave é a situación que vive o colectivo trans, que sufre a continuada patoloxización que xa denunciou publicamente o BNG no caso da OMS. Hai que pór todos os medios para que non se repitan casos como o de Ekai, o neno trans de 16 anos que se quitou a vida en Euskal Herria a principios do ano, vítima dun verdadeiro asasinato social.
Para Galiza Nova e BNG faise urxente desenvolver a demandada lei galega e estatal de identidade de xénero que protexan os dereitos das persoas trans, así como o desenvolvemento efectivo da Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais na Galiza que, na realidade, non é máis que papel mollado.
Infelizmente, case 50 anos despois da violenta represión policial contra a comunidade LGBT que tivo lugar en Stonewall (EUA) o 28 de xuño de 1969, resulta necesario denunciar a deturpación que sufriu o Día do Orgullo, tornándose nunha especia de carnaval institucionalizado, carente en grande medida da súa carga política orixinaria.
Desde Galiza Nova e BNG estamos en contra das operacións de lavado rosa (pinkwashing) que aplican moitas multinacionais para gañar cartos ou mesmo Estados para mellorar a súa imaxe. O exemplo clamoroso é o de Israel, no que mentres se desfila e se baila alegremente polas rúas de Tel Aviv baixo o a bandeira arco da vella, a uns 70 Km o pobo palestino vive en condicións infrahumanas baixo o bloqueo israelí na Faixa de Gaza e na Cisxordania ocupada.
Sen renunciar, pois, a celebrarmos a nosa diversidade, tamén hai que recuperar as lexítimas reivindicacións do colectivo LGBT a través do Día do Orgullo. Por isto, animamos a nosa militancia, simpatizantes e sociedade en xeral a participaren nos diferentes manifestacións e outros actos que se desenvolvan ao longo deste mes en todo o País.
Pérez Barral, finalizou comentando a nula vontade dos gobernos do Partido Popular a reivindicar, visibilizar e festexar o día do orgullo LGTBI, pois desde o BNG e Galiza Nova cren que se debería promover actos de festexo e de reivindicación social co fin de concienciar e normalizar. Ante isto, presentarán no concello unha iniciativa para exixir do goberno local que realice actividades, erga a bandeira do orgullo e realice un plan cos centros de ensino para loitar contra a discriminación e LGTBIfobia.
Galería de imaxes: Feliz e combativo día do Orgullo LGBTI