O BNG demanda que concellos e entidades sen ánimo de lucro non paguen as taxas de Portos

photo5927132040908615018
Luís Pérez, Cristina Andrade, Raquel Suárez, Xosé Vázquez e Carlos Ansoar no porto de Ribeira

Os nacionalistas tamén se fan eco das queixas do sector do mar: “Portos recada para logo ter completamente abandonadas as áreas portuarias”

O BNG demanda que concellos e entidades sen ánimo de lucro non paguen as taxas de Portos

Galiza conta cunha gran cantidade de portos e ten a densidade portuaria máis alta da península ibérica, que fan que o sector portuario galego sexa un sector estratéxico cun gran potencial. No BNG cremos que a Xunta non está a aproveitar ese pontencial.

O sistema portuario galego non foi regulado por unha lei específica ate que o ano pasado aprobouse a Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galiza. Despois de terse feito agardar tantos anos, resultou decepcionante, pois non respondeu nin as expectativas nin as necesidades deste sector estratéxico, e ademais estase a demostrar prexudicial para o futuro do sector portuario galego.

Esta lei, destaca polo seu claro afán recadatorio e por terse realizado de costas ás entidades locais. Son moitos os concellos que na actualidade están a expresar o seu malestar polas abusivas tarifas que Portos de Galiza, está a cobrar pola realización de actividades no espazo público portuario, que, ao cabo e na maioría dos casos é un espazo totalmente integrado no espazo urbano do concello e son as propias entidades locais as que se encargan do mantemento do espazo, da recollida do lixo, iluminación, etc. Neses espazos realízanse múltiples actividades plenamente inseridas na dinámica social local, como festas, eventos deportivos ou mercados que deben pagar unhas abusivas taxas a Portos de Galiza para poder realizarse.

A meirande parte das actividades realízanse en espazos urbanos que, a pesar de estar baixo a xestión de Portos de Galiza, nada teñen que ver coa actividade portuaria. O responsábel do BNG na Barbanza Luís Pérez Barral declara que “existen espazos como alamedas, paseos, áreas de aparcadoiro plenamente integrados no entramado urbano local, e que, principalmente debido a recheos, forman parte de Portos sen que exista unha razón obxectiva para que así sexa, xa que logo, no BNG consideramos que a titularidade destes espazos debería ser transferida aos concellos”.

Pérez Barral anunciou que de cara a paliar a nula participación dos concellos nas decisións relativas ás materias de relevancia para o concello e para Portos de Galiza, “propoñemos a creación do Órgano de Coordinación Portuario Municipal, onde estarán representados tanto o goberno local como Portos”. Este órgano sería o encargado de articular as relacións entre a administración portuaria e as administracións municipais cuxos municipios dispoñan de porto, mediante a toma de decisións conxunta nas materias que resulten de relevancia para ambas administracións.

Por último a citada lei contempla un abusivo réxime de prohibicións e sancionador que cremos necesario modificar, en especial no referido ao baño e a pesca, actividades que deberían quedar eximidas destes citados réximes. Consideramos que a pesca deportiva debería quedar excluída da prohibición que rexe sobre o desenvolvemento de actividades marisqueiras e pesqueiras nas augas interiores do porto constitutivas da denominada “zona I”.

Queixas do sector pola falta de mantemento, seguridade, limpeza e iluminación

Por outra banda, desde o BNG da Barbanza declarouse que se está “en contacto permanente” co sector do mar e no Bloque son coñecedores das múltiples deficiencias que presentan as áreas portuarias dos 4 concellos da Barbanza. O responsábel comarcal Luís Pérez, anunciou que apoian as xustas demandas do sector e que demandarán que os concellos presionen a Portos para que invista máis cartos en mantemento, mellore a limpeza, a iluminación e a seguridade dos peiraos.

O BNG demanda que concellos e entidades sen ánimo de lucro non paguen as taxas de Portos