O Bloque Nacionalista Galego súmase á preocupación da veciñanza da comarca da Barbanza e vén de denunciar o estado de peche de varios consultorios, que temen sexa irreversíbel.
Trátase dos centros de saúde de Taragoña, en Rianxo, e de Cabo da Cruz, en Boiro, pechados a comezos do primeiro estado de alarma alegando motivos de seguridade para profesionais e para doentes. “A día de hoxe, a Consellaría de Sanidade non mostrou a máis mínima intención de reabrir estes consultorios”, indica a deputada Rosana Pérez, “precarizando a atención sanitaria dunhas 3.000 persoas que se ven obrigadas a recibir atención sanitaria noutros centros de saúde, xa de por si con sobrecarga de traballo. Non podemos permitir que unha medida de urxencia se converta en definitiva, e todo parece indicar que o SERGAS ten a intención de consolidar o seu peche como irreversíbel”.
Os nacionalistas destacan tamén o mal estado no que xa se atopaban estes consultorios, aos que se suman outros como os de Corrubedo e Aguiño, en Ribeira. “A falta de mantemento é extremadamente acusada”, indican, destacando o caso de Cabo de Cruz, “un consultorio localizado nun espazo pouco axeitado, en malas condicións, e onde mesmo chama á atención a falta de limpeza, algo imperdoable durante unha pandemia sanitaria”.
Por isto, a deputada do BNG defenderá no Parlamento Galego a reactivación da atención sanitaria presencial en Taragoña e en Cabo de Cruz, así como o cumprimento do pacto local asinado no 2006 coa FEGAMP, instando ao SERGAS a levar a cabo o mantemento destes centros de saúde.