O BNG da Barbanza traballará para corrixir os topónimos deturpados e promover o galego

DSC08823
Carlos Ansoar, Luís Pérez, Adolfo Muíños e Raquel Suárez
O BNG da Barbanza traballará para corrixir os topónimos deturpados e promover o galego

O BNG da Barbanza aproveitará o mes de maio para dedicar máis atención aos temas relacionados coa lingua galega, a cultura e os topónimos das vilas e lugares.

Para o responsábel do BNG na Barbanza Luís Pérez Barral faise imprescindíbel voltar aos consensos que foron dinamitados polo Partido Popular, como son o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade en 2004. Por outra banda o BNG cre moi necesario derrogar o decretazo contra o galego pois, é paradoxal como a Xunta presenta 3 veces un plan fantasma para normalizar o galego entre a mocidade, mentres lle furta a posibilidade de cursar ciencias en galego porque está prohibido polo decretazo aprobado en solitario polo PP.

Pérez Barral explicou que “asistimos a un panorama onde as persoas galegofalantes non gozan de dereitos que as amparen no uso do idioma día a día, resulta evidente que a pouca lexislación que pode protexelas non se aplica mentres que as máis de 500 disposicións legais que obrigan e protexen o castelán fanse cumprir rigorosamente”. Luís Pérez acusou á propia administración pública de encabezar os ataques á lingua, tal e como se reflicte no informe da Liña do Galego 2017 elaborado pola Mesa pola Normalización Lingüística.

Desde o Bloque tamén se critica o desmantelamento da programación cultural que desde 2009 executa o PP desde a dirección da CRTVG, coa supresión de programas como Diario Cultural, Planeta Furancho, Onda Vital, Alalá, Libro Aberto, Onda Curta, Planeta Cine ou Eirado.
 

Accións contra a toponimia deturpada

Pérez Barral, detallou que desde o Bloque quérese promover o uso correcto das formas legais e correctas dos topónimos por iso emprenderán accións en vindeiros días como é a restauración daqueles topónimos deturpados no caso de Ribeira e a instalación de sinais con nomes dos microtopónimos no caso da Pobra do Caramiñal.

No caso de Boiro os nacionalistas farán un reparto de poemas de María Victoria Moreno, a homenaxeada das Letras Galegas neste 2018.

Rianxo en galego 365 días do ano

O alcalde rianxeiro Adolfo Muíños destacou que desde o goberno sempre se promove a lingua e a cultura galega mais quixo destacar o inicio das obras da casa de Rafael Dieste que, xunto coas do castelo Paio Gómez Chariño e Manuel Antonio conforman un foco de atracción e de plataforma cultural de luxo. Ademais destacou a creación dun equipo de normalización lingüística para favorecer accións en favor do galego.

Por último, anunciou como novidade salientábel que neste mes de maio o Concello de Rianxo inaugurará en Lisboa, na Asocación José Afonso unha colección de 100 volumes imprescindíbeis da lietaratura galega.

Manifestación 17 de maio

Por outra banda, o BNG anima a participar da manifestación que convoca Queremos Galego -entidade composta por máis de 500 asociacións e entidades- para o 17 de maio ás 12:00h desde a alameda de Santiago de Compostela.

Queremos Galego disporá dun bus gratuíto que sairá ás 10h desde a estación de autobuses de Ribeira, ás 10:15h desde a praza maior da Pobra, ás 10:30h desde a praza do concello de boiro e ás 10:45h desde a parada de bus de Rianxo. Anotarse no 698 167 003

O BNG da Barbanza traballará para corrixir os topónimos deturpados e promover o galego