O BNG chama á mobilización para evitar que a violencia machista quede invisibilizada

BNG
BNG

Os nacionalistas instan á mobilización e propoñen aumentar os fondos á loita contra o machismo, xulgados específicos e incrementar as axudas ás vítimas

O BNG chama á mobilización para evitar que a violencia machista quede invisibilizada

A membro do Consello Comarcal, Adelina Ces Quintáns, fixo un chamamento á mobilización masiva neste 25N porque existen máis motivos ca nunca para saír a rúa contra unha violencia machista que se recrúa mentres avanza o discurso negacionista da extrema dereita que o PP axuda a branquear cos seus pactos de goberno.

“Temos que denunciar tamén a hipocrisía do PP que pola mañá reparte paraugas lila para facer unha marcha con motivo do 25N e pola tarde vanse de ganchete coa extrema dereita que nega a existencia da violencia de xénero e propugna suprimir as leis das que nos dotamos para defendernos do machismo, un discurso negacionista que nos quere facer retroceder”, denunciou Ces Quintáns.

Ademais de facer un chamamento á mobilización, a nacionalista puxo sobre a mesa as medidas que defende o BNG, baixo a máxima “menos discursos e máis recursos” para combater o terrorismo de xénero, “porque aínda que incomode dicilo, se en lugar de 43 mulleres asasinadas en Galiza na última década fosen deputados ou futbolistas a reacción sería moi diferente”.

Por iso, o Bloque volve poñer sobre a mesa destinar a combater o machismo o 1% do orzamento da Xunta, 100 millóns de euros para aplicar as medidas que están previstas na Lei galega contra violencia machista, una lei que urxe desenvolver facendo especial fincapé nos recursos para atender ás vítimas e nas medidas de sensibilización e educación, así como a prestación de apoio psicolóxico en atención primaria. Entre as medidas, tamén a creación de xulgados específicos nas sete cidades, -hoxe só hai na Coruña e Ourense, suprimir o  financiamento público aos centros que segregan por sexo e ampliar axudas ás vítimas de violencia machista, tanto aumentando as contías como ampliando os tramos de renda de posibles beneficiarias.

O BNG tamén recolle as demandas do feminismo galego moi centrado este 25N en denunciar o machismo na xustiza, que se traduce en sentenzas intolerables como a das das manadas de Pamplona ou Manresa.

Concepto legal de consentimento

BNG 2019 día contra a violencia machista“Hai que darlle unha mellor resposta xudicial á violencia de xénero evitando a revictimización ou casos como os da sentenzas da manada que nos escandalizan”, recalcou Ces.  Neste sentido, a formación nacionalista considera preciso introducir no marco legal o concepto de consentimento “para mellorar a tipificación e tratamento da violación e das agresións sexuais, así como a consideración destes delitos como delitos de carácter público. Non e un problema privado senón público e como tal debe ser tratado”, alegou Ces.

Igualmente, proponse modificar a definición estatal de violencia de xénero de acordo co Convenio de Istambul de forma que a violencia sexual sexa recoñecida como tal, como xa fai a Lei galega no ano 2007. Igualmente, garantir a gratuidade da atención xurídica ás vítimas de violencia sexual por ser vítimas de violencia machista e impulsar unha campaña específica para informar da existencia deste recurso, protocolo de actuación en casos de agresión sexual e cambiar o procedemento de instrución, de xeito que ás vítimas só teñan que declarar unha vez durante todo o proceso xudicial.

A punta do iceberg das estatísticas

Cada día rexístranse 15 denuncias nos xulgados, hai 3.500 casos activos de violencia machista, denunciase un intento de violación diario, no que vai de ano 5 mulleres foron asasinadas en Galiza, na última década 43 e rexistráronse 55.000 denuncias nos xulgados.

Datos que son só a punta do iceberg, subliñou Adelina Ces, “por iso non vale poñerse de perfil, por iso no Bloque estamos do lado das mulleres e da sociedade que esixe actuar xa" concluíu.

O BNG chama á mobilización para evitar que a violencia machista quede invisibilizada