O responsábel do BNG na Barbanza, Luís Pérez Barral, salientou que o BNG sae fortalecido tras duplicar votos nas eleccións do 28A, pois confirma a remotada e o cambio de ciclo electoral en positivo que xa iniciara esta formación nas eleccións galegas de 2016. Pese a non ter logrado o obxectivo de ter escano en Madrid por moi pouco, Pérez Barral subliña o avance electoral do Bloque será aínda máis forte nas eleccións do 26M nas que a formación que lidera empezará a traballar de inmediato.
"Destas eleccións sae un BNG máis forte que lle tende a man a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón, o avance do BNG é claro, estamos en remontada e imos poñernos traballar xa para as eleccións municipais do 26M" para ser opción de goberno.
"Duplicamos votos nun contexto moi polarizado, no medio dun debate presidencialista de ámbito estatal no que Galiza quedou diluída, pero mesmo neste contexto fomos capaces de multiplicar por dous os resultados nos catro concellos, mesmo chegando a 4.000 votos para o candidato do BNG ao Senado Xosé Deira. “Os datos demostran un cambio de ciclo electoral que se verá nos comicios locais", explicou Pérez Barral.
Positivismo cara ás eleccións municipais
O responsábel nacionalista, explicou que tamén analizarán a parte negativa que foi non acadar o obxectivo de recuperar voz propia; "non foi posible, aínda que non quedamos lonxe", entre outras cuestións porque xogou en contra a polarización na campaña e a apelación ao voto útil. Igualmente valorou "o mérito de duplicar voto en tres anos e de sumar a moitas persoas a este proxecto que volven mirar ao BNG como a súa alternativa. Devolvémoslle a ilusión a moitos electores de volver votar a unha forza política propia".
Declarou que o Bloque "comparte a sensación de alivio con moitos galegos e galegas e tamén con moitas persoas do resto do Estado por conseguir que o a dereita non teña opcións de goberno. Pero tamén sabemos que este país vai seguir necesitando un BNG forte para defender Galiza e, desde a humildade, imos seguir traballando coa man tendida".
Cos datos na man, os responsábel comarcal, di que o resultado das eleccións demostran que o BNG da Barbanza está preparado para afrontar os vindeiros comicios municipais, nos que aspira a ser alternativa de goberno e incrementar apoios. Barral rematou apelando a “sorrir e mirar ao futuro con ilusión e esperanza, porque aínda que non conseguíramos todos os nosos obxectivos o BNG está en remontada clara e imos dar o mellor de nós nas eleccións municipais para que Galiza siga avanzando da man do BNG para construír unha Galiza mellor".
Agradecemento á confianza de todas as persoas que colleron a papeleta do BNG: "O seu voto ten un gran valor para o futuro deste país porque é un voto a favor de Galiza, para que existamos politicamente nun Estado que xa vimos que trato lle da a este país, un voto en defensa dos dereitos e das liberdades e contra a involución da extrema dereita antigalega".