A veciñanza de Palmeira e o BNG únense para impedir a instalación dunha antena preto das casas

DSC07094
A veciñanza de Palmeira e o BNG únense para impedir a instalación dunha antena preto das casas
A veciñanza de Palmeira e o BNG únense para impedir a instalación dunha antena preto das casas

O grupo municipal do BNG mantivo dúas xuntanzas coa veciñanza de Palmeira ante a grande inquedanza que xurdiu na parroquia polo emprazamento dunha antena de telefonía que se pretende instalar preto do campo de fútbol e das vivendas.

Na mencionada zona xa existe outra antena, mais a que se pretende instalar agora vai ser moito máis potente e non se está tendo en conta a opinión da veciñanza para a súa colocación. As veciñas e veciños de Palmeira e o BNG consideramos que pode situarse nun lugar máis afastado e reducir as radiacións electromagnéticas que poden prexudicar a saúde.

Sobre a repercusión das ondas que desprenden os emisores de telefonía móbil, tal e como explicaron os concelleiros nacionalistas Xosé Vázquez Cobas e Luís Pérez Barral, a Organización Mundial da Saúde (OMS) adoptou o denominado principio de precaución e recomenda unha política de xestión de riscos aplicada en circunstancias cun grao de incerteza científica, o que representa a necesidade de emprender accións para un risco potencialmente grave sen necesidade de agardar os resultados das investigacións científicas.

Pola súa banda, o Tribunal de Apelación de Versalles declarou que, aínda que a realidade do risco segue sendo hipotética, se fai evidente da lectura das contribucións e publicacións científicas producidas no debate sobre a repercusión das antenas de telefonía na saúde e tendo en conta as posicións lexislativas diverxentes adoptadas en diversos estados, que persiste a incerteza sobre a inocuidade da exposición ás ondas emitidas polas antenas de retransmisión e pódese considerar seria e razoábel. Deste xeito, invertiu a carga da proba ás empresas de telefonía, de forma que han de ser elas as que demostren que non entrañan risco para a saúde e non as persoas supostamente afectadas.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG realizará unha pregunta no Pleno que o Concello de Ribeira ten o luns 26 de xuño, se a empresa xa solicitou permiso e que por que o goberno municipal xa adoptou a defensa da empresa no canto de defender os lexítimos intereses veciñais de querer afastala das vivendas. O compromiso do BNG é defender a lexítima opinión da veciñanza e por iso nos comprometemos a defender os intereses veciñais fronte aos empresariais, cousa que o goberno local non está a facer.

A veciñanza de Palmeira e o BNG únense para impedir a instalación dunha antena preto das casas