O BNG pide canalizar o aliviadoiro da EDAR desde o río Listres até o mar
O Concello de Ribeira vén de pór en funcionamento o sistema de depuración de augas residuais, tras pasar décadas carentes de depuración dos residuos urbanos. Esta importante obra de máis de 16 millóns de euros, está producindo molestias á veciñanza de varias zonas do municipio como poden ser a dos lugares do Touro, Castiñeiras e Areeiros. Este grave problema debe ser solucionado coa máxima dilixencia co fin de evitar molesitas, desde o BNG seguiremos traballando como fixemos, desde o momento un, para que se cumpran coas garantías de depuración sen causar problemas na veciñanza. Ademais disto que, repetimos, debe ser solucionado coa máxima celeridade e garantías para que as ninguén teña que soportar cheiros na súa vivenda, existe outro que non deixa de ser menos grave como é a localización do aliviadoiro de Areeiros.
O sistema de depuración de augas residuais, está formado por unha serie de tanques de tormenta que almacenan a auga en casos de copiosas chuvias ou dun aumento do caudal de residuos que se envían á Estación de Depuración Augas Residuais (EDAR). Cada un destes tanques conta con cadanseu aliviadoiro para expulsar, en caso de necesidade, o líquido que non poida albergar no seu interior.
No caso dos Areeiros o aliviadoiro non desemboca no mar, faino no río Listres (popularmente coñecido tamén como río Paxariños). Unha das características deste río é que leva moi pouca corrente, mesmo en determinadas épocas do ano case non leva auga ou chega a secar nos meses de máximas temperaturas. Esta circunstancia fai que, de se producir unha vertedura polo aliviadoiro durante un destes períodos, os residuos quedarían estancadas no rego fluvial e non irían parar ao mar. No caso de que se chegara a aliviar durante algunha época na que o río ten auga, habería que solventar outro problema; a nivelación do terreo pois o río en innumerábeis ocasións non ten saída ao mar por atoparse a praia a un nivel superior que a canle fluvial.
Outro dos motivos polos que queremos que se poida canalizar o aliviadoiro até o mar, ten haber co impacto e problema ambiental que se ocasiona, pois de ter que aliviar, non é o mesmo facelo nun río que ten pouco caudal que facelo no mar onde o problema ambiental causado sería moito menor. Ademais queremos que se canalice en condicións e que non afecte aos bancos marisqueiros pois deles dependen moitos postos de traballo.
É por todo isto que, en nome do Bloque Nacionalista Galego, o concelleiro Luís Pérez Barral solicitará dos membros da Corporación Municipal a aprobación seguinte acordo:
A) Que o Concello de Ribeira lle demande a Costas do Estado o permiso para que se poida realizar a canalización do aliviadoiro dos Areeiros até o mar.
B) Enviar o presente acordo plenario a Costas do Estado.