O BNG denuncia que se exclúe o galego no faro de Corrubedo

Luís-Elvira-Cobas
Luís Pérez, Elvira Blanco e Xosé Vázquez. Corrubedo
O BNG denuncia que se exclúe o galego no faro de Corrubedo

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou con data 18 de novembro de 2017 a resolución pola que a Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa sacaba a concesión a explotación turística do faro de Corrubedo e os seus edificios adxacentes. Esta boa e agardada nova para poñer en valor esta edificación que atrae cada ano a milleiros de turistas, trouxo consigo un ataque contra a lingua propia de Galiza, o galego.

O prego das bases no documento anexo, alén de estar só en castelán, o epígrafe 24 di “el promotor deberá disponer, obligatoriamente, de una página web en español e inglés, con capacidad de reservas online, que deberá enlazar con la página oficial de Faros de España”. Do mesmo xeito podemos ler no epígrafe 29 que “teniendo en cuenta el componente turístico internacional de este tipo de actividad, será obligatorio que el promotor disponga los recursos necesarios para poder atender, correctamente, en inglés”. Onde fica a lingua galega?

Desde o BNG preguntámonos por que unha lingua estranxeira, neste caso o inglés, ten moitos máis dereitos recoñecidos neste prego que a lingua propia e oficial de Galiza? Acaso os galegos e galegas que vaian facer reservas non poden facelo na súa lingua se o desexar? Como cumprir coa liberdade de escolla idiomática se na práctica se lle nega ás persoas galegofalantes a posibilidade de empregar o seu idioma?” argumentou o concelleiro nacionalista Luís Pérez Barral. Lémbrase que se contempla de xeito obrigado o uso de castelán e inglés.

Desde o BNG, expresamos a nosa defensa pola diversidade lingüística como un ben inmaterial que debe ser conservado e potenciado, pero de ningunha maneira podemos consentir que baixo a desculpa da promoción turística ou a atracción internacional que suscita unha instalación radicada en Galiza se exclúa a lingua propia deste país.

Por todo o anteriomente exposto, o BNG solicita:

A) Que o Concello de Ribeira se dirixa por escrito á Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, para expresar o seu desacordo coa exclusión da lingua galega das bases do concurso, concretamente no epígrafe 24.

B) Que o Concello de Ribeira lle exixa á Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa a rectificación do Boletín Oficial do Estado para que se inclúa o galego no epígrafe 24 das bases.

C) Que o Concello de Ribeira, lle notifique tanto á Autoridade Portuaria como á empresa que saia gañadora do concurso, a necesidade de incluír a lingua galega no seus sistema de reservas on-line e na atención ao público para evitar discriminacións ás persoas galegofalantes.

O BNG denuncia que se exclúe o galego no faro de Corrubedo