O BNG levará as demandas dos mariñeiros de Corrubedo ao Parlamento Galego
O concelleiro nacionalista Antón Parada estivo en Corrubedo para atender as demandas dos mariñeiros de Corrubedo en relación ás deficiencias que presenta instalación portuaria.
Os mariñeiros de Corrubedo trasladáronlle ao representante do BNG a falta de chabolas para poderen traballar baixo cuberto e non baixo as inclemencias do tempo.
Reiteraron as demandas, que o BNG xa trasladara o ano pasado ao goberno municipal e a Portos de Galiza, como a necesidade de reparar as escaleiras, sinalización viaria para evitar que os vehículos aparquen diante da rampla, o rebaixe da rampla no seu tramo final para evitar que as embarcacións encallen así como aumentar e mellorar o alumeado.
Ante este problema de total esquecemento por parte de Portos e o goberno local, Parada Fernández anuncioulles que estes problemas alén de ser levados novamente ao pleno do Concello de Ribeira, serán trasladados ao Parlamento de Galiza para que a deputada nacionalista encargada de asuntos marítimos Montse Prado interpele ao responsábel de Portos de Galiza esixíndolle expliacións sobre o abandono do Porto de Corrubedo así como habilitar partidas orzamentarias para o seu arranxo e mellora.