O BNG estudou con detemento o Orzamento presentado pola Xunta de Galiza para o vindeiro ano 2019 e conclúe que non existe vontade por parte do Partido Popular por dinamizar unha comarca que aglutina importantes sectores económicos como o pesqueiro ou o conserveiro e que conta cunha importante poboación.
Os encargados de debullar as emendas presentadas polo BNG a este Orzamento foron o deputado no Parlamento Galego Xosé Luís Rivas “Mini” e o alcalde rianxeiro Adolfo Muíños. O deputdo galego “Mini” criticou a política da Xunta por esquecer as demandas sociais coa poboación dos catro concellos da Barbanza como son o emprego e preservación dos servizos públicos e sociais, -sanidade, educación e dependencia-. O nacionalista tamén quixo denunciar o incumprimento de acordos orzamentarios de anos anteriores ao incluír sempre partidas orzamentarias que logo o PP non executa. Un exemplo disto é a necesaria ampliación de urxencias do Hospital da Barbanza que se leva un mínimo de 6 anos publicitando sen que nada se fixese até o momento, “moita propaganda e poucos feitos esa é a política de Feijóo” sentenciou Rivas.
Apostas do BNG: a mobilidade, máis atención social e melloras en medio ambiente
Pola súa banda, o alcalde de Rianxo Adolfo Muíños destacou que o BNG aposta por dinamizar e revitalizar unha comarca que é puxante social e economicamente falando, pois aglutina unha considerábel poboación -67.000habitantes- e posúe unha industria forte como é a conserveira ou un sector primario decisivo para Galiza como é o pesqueiro.
Neste sentido o Bloque aposta pola mobilidade, concretamente propón dotar á Barbanza dunha liña ferroviariaque permita mellorar as conexións con outras cidades por tren e facilite a exportación das mercadorías que se producen nas industrias e materias que chegan aos portos. Esta proposta non sería excesivamente custosa pois as vías xa pasan por Rianxo e só sería necesario proxectar unha única liña que chegase até Ribeira.
Por outra banda, o BNG tamén se centra na atención ás persoas e ás necesidades sociais, por iso volta exixir que a ampliación do Hospital da Barbanza sexa unha realidade material e non só promesas incumpridas. “É un dereito que debemos garantir termos unha sanidade pública de calidade, con recursos, infraestruturas e persoal suficiente” explicou Muíños. Tamén foi moi claro o mandatario rianxeiro, cun tema demandado como é o centro de día: “queremos que a Xunta apoie a compra do Pazo de Rianxiño con 500.000€ co que dotar a localidade dun centro de día, se a Xunta quere negarlle aos veciños e veciñas este dereito que o diga claramente”.
Os nacionalistas tamén lembran o dereito a contar cunha Xustiza áxil, polo que piden un aumento do persoal ou a creación dun novo xulgado en Ribeira co que desatascar a gran cantidade de expedientes que acumula o xulgado ribeirense.
Con respecto ao terceiro eixe, o Bloque da Barbanza aposta pola preservación do medio natural e ligado a isto solicita que o Orzamento da Xunta para 2019 contemple a construción dunha segunda depuradora para Boiro. Muíños Sánchez referiuse a que é unha necesidade urxente para evitar que haxa verteduras na ría que prexudiquen o medio natural e os postos vinculados á pesca e ao marisqueo.
Por último e relacionado coa mellora da eficiencia enerxética solicitaron unha partida de 350.000€ para reformar o colexio Castelao co que mellorar as fiestras, illlamento e iluminación.