O Bloque Nacionalista Galego rexistrou unha iniciativa parlamentar para instar ao Goberno galego a que realice as xestións oportunas para que de maneira inmediata Ribeira poida aumentar o persoal xudicial para crear o cuarto xulgado co que aliviar a saturación existente.
A parlamentaria Rosana Pérez Fernández lamenta que o desleixo do goberno galego co sistema xudicial galego é evidente pois, segundo detallou, entre o período 2010 e 2018, estando o Partido Popular no goberno da Xunta e do Estado español, apenas se crearon crearon novos xulgados en Galiza, agás no ano 2017 no que tan só se crearon 5 novas unidades en todo o país.
Consideramos preocupante que durante unha década os recursos humanos e materiais dos partidos xudiciais das vilas e pobos de Galiza non experimentaron practicamente ningunha variación. Esta situación, para a deputada nacionalista é “clara expresión dunha estratexia deliberada e planificada dirixida á concentración da actividade xudicial nas denominadas sete grandes cidades”.
Os xulgados de Ribeira teñen unha conxestión superior á media estatal e galega, pouco compatible cun boa prestación do servizo público, e cun ingreso de asuntos na vía civil superior ao módulo aprobado, carácter orientativo, polo Consello Xeral do Poder Xudicial e o Ministerio de Xustiza. A situación é de tal consideración que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza determinou como indispensábel que Ribeira contase cun cuarto xulgado para poder responder ás necesidades mínimas e esenciais.
Ante esta situación e vista “a parálise do Goberno galego” para poder darlle unha solución ao colapso que sofre o sistema xudicial en Ribeira, o BNG rexistrou unha iniciativa no Parlamento para que se procure unha solución inmediata que garanta a desconxestión dos xulgados e que a cidadanía poida ter dereito a unha xustiza rápida e eficaz.