A responsábel do BNG na Barbanza, Cristina Andrade, anunciou hoxe que o BNG está presentando en todos os concellos unha moción para debater no pleno na que se propón a creación dunha ordenanza fiscal que grave as empresas titulares de instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos pola utilización do dominio público local, en base ás sentenzas emitidas polo Tribunal Supremo que avalan dito gravame.
Segundo Cristina Andrade, a Lei Reguladora das Facendas Locais estabeleceu en 2004 que as empresas eléctricas, de gas, de auga e hidrocarburos están obrigadas a pagar unha taxa fixada por un informe técnico-económico por atravesar o dominio público local, aínda que non os subministren. Malia esa habilitación legal, e unha vez se aprobaron ordenanzas reguladoras para fixar esa obriga de xeito concreto, as empresas non aboaron nunca dita taxa, amosando belixerancia e conflitividade xudicial contra as entidades locais que a impulsaron, negando uns recursos lexítimos ás entidades locais necesarios para poder afortalar os seus servizos.
Cristina Andrade engadiu que as sentenzas do Supremo aclaran expresamente que é legal a pretensión dos concellos de gravar a utilidade que lle reporta ás empresas a utilización privativa ou o aproveitamento especial do solo que forma parte do dominio público para unha actividade netamente industrial, polo que, unha vez resolta a controversia xudicial a prol dos concellos, cómpre iniciar os procesos e trámites necesarios para poder facer efectiva a taxa pola utilización ou aproveitamento do dominio público local polas empresas titulares de instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas ou hidrocarburos nos concellos. Por iso o BNG está levando esta iniciativa a todos os plenos da comarca e do país.