O BNG presentou publicamente as emendas que rexistrarán aos Orzamentos da Xunta para o ano 2022 e que ascenden a un total de 5 millóns de euros. A deputada, Rosana Pérez, acompaña por membros do BNG comarcal, detallou que “ é unha burla cualificar, unha vez máis, como históricos uns Orzamentos que non atenden as necesidades da Barbanza e onde se aplican recortes a servizos públicos como Educación e Sanidade”.
Pérez Fernández, bota en falta maior investimento en Educación onde houbo un recorte brutal de profesorado e tamén en Sanidade onde a carencia de profesionais é evidente. Ademais esixiu que se reabran de maneira inmediata os centros de saúde de Cabo de Cruz (Boiro) e Taragoña (Rianxo).
Rosana Pérez, recriminou a ausencia de investimentos para A Pobra do Caramiñal e Boiro, “parece que A Barbanza só ten dous concellos” asegurou. A deputada nacionalista deu conta dunhas propostas de mellora baseadas nas necesidades e demandas máis urxentes e necesarias para as veciñas e veciños da Barbanza. “Estas emendas son un exemplo de que cos mesmos cartos é posible facer unha política distinta, centrada nas necesidades actuais da veciñanza e atendendo as súas demandas, de cara á mellora económico-social dunha das comarcas máis dinámicas do país”, salientou.
Máis investimento en Sanidade
Pérez Fernández detallou que nos Orzamentos levan anos consignándose partidas como a da ampliación do Hospital da Barbanza “levan dous anos poñéndose 589.200 euros no papel pero nunca se executan”. Os nacionalistas esixen que se amplíe o hospital “dunha vez por todas”, dotar a Ribeira dunha ambulancia medicalizada, ambas emendas por valor de 1 millón de euros.
Política Social
Os nacionalistas puxeron en valor o seu traballo para conseguir que Ribeira teña unha nova residencia pública de maiores pero ante o elevado déficit que existe propoñen unha partida de 1 millón de euros para crear outra en Boiro e 600.000 euros para adecuar o Pazo de Rianxiño como centro de día.
Conexión ferroviaria
As emendas presentadas polo BNG recollen unha vella demanda da veciñanza da comarca que aínda non atopou acollida nos plans económicos e de mobilidade da Xunta: a conexión ferroviaria da Barbanza. Os nacionalistas propoñen elaborar un estudo, valorado en 100.000 euros, buscando poñer solución a unha necesidade que afecta a toda a sociedade barbancesa.
Medio ambiente, saneamento e cultura son outras partidas solicitadas
Por último desde o BNG inciden en que é preciso destinar 630.000 euros a rehabilitar a biblioteca de Rianxo, investir 300.000 euros en mellorar o mantemento dos portos, destinar 100.000€ a rematar a escola pública infantil da Pobra, outros 150.000 a accións específicas de conservación e educación ambiental no Parque Natural de Corrubedo, así como destinar 1 millón de euros para a creación dunha nova depuradora en Boiro que permita preservar os sectores produtivos dos que vive, directa ou indirectamente, todo o municipio.