O BNG da Barbanza denuncia a neglixencia por parte das compañías eléctricas que deixaron a 200.000 de galegos e galegas sen subministración eléctrica entre 48 e 72 horas, algo completamente inadminsíbel tendo en conta os milleiros de millóns de beneficio que obteñen anualmente.
Desde o BNG criticamos que o presidente da Xunta de Galiza non comparecese no Parlamento Galego para explicar os danos dos temporais e as medidas que ten previsto adoptar para paliar os danos dos temporais e explicar que accións se van desenvolver contra as eléctricas. O vice-responsábel comarcal, Luís Pérez Barral expuxo que "é necesario abrirlle un expediente non só informativo, senón tamén sancionador para que isto non volva ocorrer. É preciso que as compañías fagan investimentos en mantemento e mellora das liñas eléctricas".
Pérez Barral tamén informou de que o BNG está presentando iniciativas nos concellos para que se avalíen os danos e se proceda a indemnizar ás familias que sufriron desperfectos. Desde o goberno nacionalista de Rianxo xa se puxo a disposición da veciñanza unha folla modelo para poder reclamar e a oficina do técnico de medio ambiente que asesorará a quen desexe presentar reclamacións por danos e prexuízos causados.
Finalmente, desde o BNG denunciamos como as eléctricas subiron os prezos nos momentos de máis necesidade e en plena vaga de frío facendo que moitas persoas tiveran que pasar frío e non prender a calefacción por non poder facer fronte a un recibo tan caro. Por esta circunstacia, o BNG propón reducir o IVE da electricidade ao superreducido e tamén crear unha tarifa eléctrica propia, como nación exportadora de electricdiade, para abaratar o recibo da luz a empresas e familias.