O BNG pedirá rebaixar o IVE da luz e ter unha tarifa eléctrica galega
O nacionalismo galego defende que a enerxía debe ser entendida como un ben público e a política enerxética debe desenvolverse en base a esta consideración, superando a concepción actual como unha mera mercadoría legalizada polos gobernos centrais de PP e PSOE. Do mesmo xeito, o subministro de enerxía debe ter a concepción de servizo público e o seu acceso debe ser un dereito garantido para todas as persoas por riba dos intereses económicos do oligopolio eléctrico. Porén, na actualidade, o sistema funciona en liñas totalmente contrarias a estes principios, favorecendo un prezo final da enerxía eléctrica imposíbel de soportar para moitos fogares e tamén para o tecido económico e produtivo de Galiza.
"Un factor fundamental é que o actual sistema de xeración de prezos é totalmente opaco e inxusto e por outra banda, hai que engadir que a electricidade ten unha fiscalidade absolutamente disparatada e excesiva o que tamén incrementa o prezo final" argumentou a responsábel do BNG Adelina Ces. Por exemplo, o prezo da electricidade ademais de ter diferentes impostos que se solapan, atópase no tramo mais elevado do IVE, no 21%, sendo un dos máis altos de Europa ao tempo que cuestións non básicas como as touradas ou un coche de luxo teñen un gravame menor. A única razón para que o IVE non se reduza é o afán de recadación do Estado.
Para Ces, "cómpre ter en conta tamén que Galiza tivo e ten un papel de produtor de enerxía e do que non obtemos compensación". Sendo Galiza un país produtor, que xera enerxía para o consumo doutros territorios do Estado español, exportando unha media dun 35% de electricidade, mentres outros territorios aforran os custos do impacto social e ambiental que sufre Galiza non se entende que galegos e galegas teñan que pagar o mesmo pola electricidade. Isto obedece a un deseño centralista do Estado español denuncian os nacionalistas.
Con este modelo, mentres Estado e eléctricas aumentan os seus beneficios e Galiza exporta enerxía, no noso país hai máis de 442.000 persoas que declaran non poder permitirse manter a vivenda cunha temperatura adecuada e a taxa de risco da pobreza incrementou nun 12,15% dende o 2009. Para combater a dificultade que supón o acceso á enerxía non son suficientes nin o bono social do Estado nin o tícket eléctrico da Xunta de Galiza, que chegan a unha porcentaxe moi reducida da poboación.
Non é de recibo que por riba de non beneficiármonos de producir, grazas ás políticas enerxéticas do Partido Popular, Galiza vaia pagar a factura máis cara do Estado. A posibilidade de introducir suplementos territoriais na tarifa eléctrica xa figuraba na Lei do Sector Eléctrico do ano 1997 e na vixente de 2013. Porén, foi a aprobación do Real Decreto-lei 20/2012, de 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria de Rajoy o que converteu o que a Lei recollia como posibilidade en obrigatorio para o 2013. Resultado disto as eléctricas recorreron e o Tribunal Supremo deulles a razón en distintas sentenzas. Como resultado, vaise repercutir o recadado en varios impostos nas facturas dos galegos e galegas para recadar arredor de 38 millóns de euros. Isto é un absoluto disparate, quen produce paga máis que quen non e as galegas e galegos imos recibir o tarifazo máis grande do Estado.
Desde o BNG defendemos que que Galiza ten dereito a controlar os seus recursos enerxéticos que nos permita desenvolver unha política enerxética propia. Neste sentido, unha tarifa eléctrica galega que abarate vía peaxes o prezo final da enerxía no noso país axudaría a democratizar o acceso á enerxía para todas as persoas e, asemade, contribuiría a asentar o tecido industrial e económico do país, frear a deslocalización e evitar a nosa desindustrialización.
Por iso, o BNG da Barbanza proporá as seguintes medidas:
-
A inmediata redución do Imposto de Valor Engadido sobre a Electricidade do 21% ao 4%.
-
Que exclúa a Galiza da Orde definitiva para a tramitación respecto dos suplementos territoriais para o exercicio 2013, por atentar contra as competencias galegas en materia de tributación ambiental e por seren contrarias para os intereses do tecido social e económico galego, correspondendo ao goberno do Estado asumir os custos que poida ocasionar a aplicación das sentenzas.
-
Modificar a Lei 24/2013, de 26 de decembro, do Sector Eléctrico de forma que se permita a regulación dunha Tarifa Eléctrica Galega que Galiza poida beneficiarse, pola súa condición de nación produtora de enerxía eléctrica, de peaxes máis baixas que permitan un abaratamento para os consumos domésticos e empresariais en compensación por soportar os custos sociais e medioambientais das instalacións de produción.