Os agoiros e temores sobre o posible arrastre de cinzas e terra á ría de Arousa por culpa do grande incendio forestal que arrasou 2.200 hectáreas da Serra da Barbanza están a cumprirse. A pesar das advertencias feitas polo sector pesqueiro e marisqueiro, da preocupación mostrada polos alcaldes ou das propostas realizadas polo BNG para evitar este efecto arrastre chegara á ría, a Xunta de Galiza non puxo os medios necesarios.
A deputada Rosana Pérez e os voceiros do BNG en Rianxo, Boiro, A Pobra e Ribeira compareceron na desembocadura do río Pedras para instar á Xunta a tomar todas as medidas oportunas para evitar que as cinzas e terra queimada chegue aos ríos e regatos e, por tanto, evitar que chegue á ría de Arousa.
“Á vista dos acontecementos, cuestionámonos se as medidas adoptadas foron as suficientes, a pesar de que poucos días despois do incendio o conselleiro do Medio Rural anunciaba a bombo e prato as medidas para evitar que as cinzas acabasen nos ríos, regatos e no mar, pero desgrazadamente a realidade é outra” asegurou Pérez Fernández.
A parlamentaria nacionalista pediralle a Mar e Medio Rural que informen de todo o que se fixo até o momento e insta ao Goberno galego a analizar as consecuencias do arrastres de cinza á ría. “Débese actuar de inmediato para coñecer se as cinzas afectaron aos bancos marisqueiros e, de se confirmar que hai afección, establecer liñas de axudas ás confrarías”.
Desde o BNG recriminan a actitude “negacionista” do Goberno galego do que din estar máis preocupado en negar a realidade que en poñerse a traballar para evitar danos económicos e ambientais maiores, sobre todo sabendo que a intensidade das choivas pode ir en aumento. Por último, tamén piden abrir un diálogo coas comunidades de montes para recuperar o monte queimado e para apostar por un novo modelo no que haxa rendemento económico, pero no que coidemos o noso medio natural potenciando as especies autóctonas.