O BNG demanda a mellora inmediata da Atención Primaria na Barbanza
A grave situación na que se atopa a atención primaria e o servizo de pediatría na comarca da Barbanza converteu xa en crónica a falta de persoal sanitario e non sanitario, que vén de moito antes de comezar a pandemia e que está a levar á cidadanía de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira a acudir a uns centros de saúde onde a atención sanitaria é cada vez máis insuficiente e deteriórase a pasos axigantados.
Desde o BNG denuncian que o goberno galego pechou na comarca varios consultorios periféricos que a día de hoxe seguen sen abrir co pretexto de centrar os recursos e o persoal para combater a pandemia. Ante esta situación a deputada Rosana Pérez xa reclamara en novembro de 2020 abrir os consultorios de Taragoña (Rianxo) e Cabo de Cruz (Boiro), que tiñan adscritas preto de 3.000 persoas. “A día de hoxe, seguimos a agardar a resposta da Consellería e a cidadanía continúa sen ser atendida neses consultorios por permaneceren pechados e a medida excepcional pasou a definitiva” recriminou Pérez Fernández.
A asistencia pediátrica é un dos servizos que sufre con maior virulencia a política de redución de persoal que o goberno galego está realizando, especialmente clamorosas son as carencias na Pobra e en Rianxo.
O goberno galego desatende as peticións
En febreiro de 2021, diante da grave carencia de persoal de todo tipo e as mobilizacións dos profesionais, o Parlamento galego aprobou por unanimidade a iniciativa do BNG para paliar a falta de profesionais no centro de saúde de Ribeira, un dos máis afectados naquel momento.
A parlamentaria nacionalista recrimina que “a Consellería de Sanidade non avanzou o máis mínimo nas medidas acordadas no Parlamento e o centro de saúde de Ribeira non só non mellor ou senón que é evidente o seu empeoramento en canto a postos de profesionais que están sen cubrir”.
Pola súa banda, o alcalde de Rianxo deu conta das iniciativas feitas polo BNG sobre a situación extrema que se vén vivindo no PAC de Rianxo. Adolfo Muíños destacou que a cidadanía leva mobilizándose polo deterioro deste PAC dende 2019, antes da pandemia sen que haxa solucións. Ante esta situación o rexedor anunciou que convocou unha Mesa pola Sanidade Pública de Rianxo coa que se pretende xuntar esforzos da sociedade rianxeira en prol dunha mellor atención e dotación dos recursos que presta a sanidade pública.
Carencia xeneralizada de profesionais médicos
No centro de saúde de Rianxo dun total de oito facultativos só están traballando catro, en Boiro, dun total de doce hai tres sen cubrir e na Pobra de seis hai unha praza sen cubrir. Especial mención merece Ribeira por estar nunha situación de “colapso” pois, dun total de catorce prazas de facultativos, hai seis sen cubrir co agravante da falta dende hai máis dun mes do facultativo que viña atendendo o consultorio do lugar de Palmeira e que, nestes momentos, está sendo atendido por un médico que se despraza dende o centro de saúde de Ribeira.
En definitiva, catro centros de saúde cunha redución total de 14 facultativos, con servizos de pediatría insuficientes para a poboación á que hai que atender, con baixas e ausencias de persoal de enfermería que tampouco se cobren, con persoal de servizos xerais insuficiente e con dous consultorios periféricos pechados dende 2020 e outro, o de Palmeira, sen o único médico que o atende.
O responsábel do BNG na Barbanza, Luís Pérez, cre os recortes aplicados polo Partido Popular poñen en risco de colapso á sanidade pública galega e “as consecuencias son devastadoras para os 67.000 habitantes da bisbarra con demoras na atención de varios días e mesmo semanas, atención telefónica colapsada, cambios de facultativo recorrentes, cancelación de citas, crianzas atendidas por médicos de familia xa saturados por falta de especialistas en pediatría ou xornadas de traballo inasumíbeis e mesmo momentos onde o facultativo ten que saír a atender urxencias e o centro queda desatendido”.
As previsións do SERGAS son contratar tan só seis médicos dos catorce que faltan (2 para Ribeira, 2 para Rianxo, 1 para A Pobra e 1 para Boiro) que paliarían moi levemente a situación actual e seguirían quedando prazas sen cubrir na época estival na que a poboación dos catro concellos increméntase considerabelmente.
Ante toda esta situación o BNG rexistrou novas iniciativas no Parlamento para esixir que o goberno galego cumpra cos acordos xa acadados, cubra o 100% das vacantes de persoal sanitario que existen, se cubran as baixas médicas e vacacións que eviten a sobrecarga da Atención Primaria, se amplíe o horario do PAC de Rianxo e se reabran de inmediato os consultorios médicos de Cabo de Cruz e Taragoña.