O BNG da Barbanza propón medidas para liderar unha saída “xusta” para o sector do mar afectado polo coronavirus

porto de ribeira
porto de ribeira
Insta aos concellos a solicitar da Xunta o peche do marisqueo acompañado de compensacións económicas, garantir a seguridade nos barcos, rebaixar o umbral para  axudas polo peche, axudas ás confrarías para garantir a súa actividade e modificar o uso  dos recursos do Fondo europeo Marítimo e da Pesca
O BNG da Barbanza propón medidas para liderar unha saída “xusta” para o sector do mar afectado polo coronavirus

Os grupos municipais do BNG na comarca da Barbanza presentarán mocións nos concellos trasladando cinco propostas para loitar contra a crise do coronavirus para liderar unha “saída socieconómica xusta” para o sector do mar.
 
Para o BNG, a Xunta e o goberno central deben actuar de maneira coordinada  para garantir “unha saída xusta”. Segundo a responsábel comarcal, Elvira Branco, as cinco medidas do BNG reclaman  “decretar o peche do marisqueo por causa de forza maior e con compensacións económicas, garantir a seguridade nos barcos, coa  saída comercial do peixe descargado nas lonxas, demandar ao goberno central a rebaixa do umbral para acceder ás axudas por peche, porque o umbral do 75% deixará a moita xente fóra,  poñer en marcha  axudas para as confrarías co fin de garantir a súa actividade e finalmente, reclamar as modificacións necesarias para o uso dos fondos de Pesca  da UE”.

O BNG atende as demandas do sector do mar
 
A proposta xorde dunha reunión que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo por videoconferencia con diferentes representantes do sector do mar. Os nacionalistas urxen aos concellos a reclamar que a Xunta atenda as súas  demandas e decrete a suspensión provisional da actividade de marisqueo ocasionada por causa maior, derivada do estado de alarma por  carecer de  carácter  esencial e primeira necesidade.
 
Até o de agora non consta que desde a Xunta de Galiza, e en particular desde a Consellaría do Mar se teña decretado o peche destes sectores, como fixo o Principado de Asturias, nin formalizar ningunha solicitude dirixida ao Goberno español solicitando a súa  paralización.
 
Consideran, polo tanto que é preciso que a Consellaría do Mar actúe e se coordine co Goberno español. “Declare a paralización temporal de todas aquelas actividades  nos bancos marisqueiros, a pé, a flote e a mergullo, e as actividades que teñan como destino fundamental do produto o sector da restauración ou non teñan saída por falta de demanda”. 
 
Por outra parte, salientan que resulta urxente adoptar as medidas necesarias para que as persoas afectadas poidan percibir axudas que lle permitan sobrevivir e garantir a plena salvagarda dos dereitos dos profesionais do mar de Galiza, ata que poida normalizarse a situación con plenas garantías.
 
As actividades extractivas nos bancos marisqueiros, a pé, a flote e a mergullo e as actividades que teñan como destino fundamental do produto o sector da restauración, vense claramente afectadas e con falta demanda nas lonxas, de tal modo que o produto ten que ser devolto ao mar ou, no mellor dos supostos, e en casos excepcionais, malvendelo por ausencia de compradores ou limitacións  da libre competencia.
 
Nestes momentos, non existe demanda por non tratarse dun produto de primeira necesidade e os  compradores habituais (depuradoras, restauración...) non acoden  á lonxa. As escasas vendas, recalcan os nacionalistas, fai “insostible a actividade dende un punto de vista socioeconómico”.
 
Tamén aluden ás dificultades de poder realizar, de xeito seguro, a actividade extractiva, garantir as condicións de seguridade e saúde, toda vez que se realiza de maneira colectiva e a escasa distancia (desprazamentos, puntos de control, clasificación, venda en lonxa...) e as reducidas dimensións de moitas embarcacións impiden garantir que os tripulantes poidan manter medidas de protección e seguridade. Existe polo tanto “grave risco de contaxio entre os profesionais e de transmisión aos seus núcleos familiares”.
 
Rendas baixas e falta de remanente impiden a 6.600 persoas pagar a Seguridade Social

Só  no marisqueo, tanto a pé como a flote, engaden, “hai máis de 6600 persoas na Galiza, cunhas rendas baixas, sen remanentes económicos, polo que lles é practicamente imposíbel, sen ingresos, afrontar pagos como as cotas á Seguridade Social e menos atender os gastos das súas necesidades básicas”.
 
O BNG pide implicación á Consellería do Mar e modificar o uso dos fondos de Pesca da UE
 
A Consellería do Mar segue a manter as competencias para regular o sector e está lexitimada  para  establecer   “vedas temporais ou zonais para determinadas especies e facer uso dos  fondos autorizados”. Neste sentido, o BNG da Barbanza solicita que os concellos reclamen unha actuación urxente da Consellería do Mar de maneira coordinada co Goberno español para declarar “a paralización temporal de todas aquelas actividades  nos bancos marisqueiros, a pé, a flote e a mergullo e insta a Xunta a adoptar estas medidas até a normalización da situación incluída a “demanda de fondos FEMP (Fondo Europeo Marítimo e da Pesca)” e modificar o seu uso.

Pleno extraordinario para protexer o sector do mar

Branco tamén adiantou que o grupo municipal do BNG en Ribeira solicitará a celebración dun pleno extraordinario e telemático para que a corporación poida aprobar o paquete de medidas de protección do sector do mar que propoñen os nacionalistas.

O BNG da Barbanza propón medidas para liderar unha saída “xusta” para o sector do mar afectado polo coronavirus