O Bloque Nacionalista Galego está a desenvolver durante o mes de decembro unha campaña na que se anima a potenciar feiras e mercados, a consumir produtos galegos e a facelo no comercio de proximidade, un sector moi importante na economía.
Para o BNG apoiar o comercio de proximidade é unha das mellores maneiras de xerar emprego e de dinamizar as vilas. O responsábel comarcal, Luís Pérez Barral, asegura que está na man das veciñas e veciños da Barbanza modificar os hábitos, animarse a mercar no comercio local e ver o enorme potencial e calidade que ten.
Desde o BNG procuramos prestixiar os produtos galegos primarios, apostando porque os poderes públicos faciliten a súa comercialización en circuítos curtos para garantir o máximo beneficio ás persoas produtoras e que a actividade pesqueira e marisqueira, a súa transformación e comercialización sexa un elemento de creación de emprego e de dinamización económica.
Nos folletos que durante o mes de decembro repartiremos, o BNG reivindica a artesanía, a música, os libros, a cultura, os xoguetes non sexistas e ademais, anima a facelo en galego.
O responsábel nacionalista fai fincapé en que o comercio da Barbanza é de primeira e ten un importante papel dinamizador nas nosas vilas e cidades, que é sustentábel e significa unha aposta de futuro porque os ingresos que xera son reinvestidos na economía local.
Finalmente desde o Bloque denunciamos que o PP aposte por outras políticas que facilitan a expansión de grandes superficies e expremen ás persoas autónomas con exceso de impostos, ameazando así, a supervivencia do noso comercio local. Desde o Bloque incidimos en que é preciso apoio das administracións para o comercio de proximidade con medidas efectivas de dinamización.