O BNG recolle as demandas da plataforma da Sanidade Pública da Barbanza

A responsábel do BNG na Barbanza Cristina Andrade e a deputada nacionalista Montse Prado con membros da Plataforma da Sanidade da Barbanza
A responsábel do BNG na Barbanza Cristina Andrade e a deputada nacionalista Montse Prado con membros da Plataforma da Sanidade da Barbanza
O BNG recolle as demandas da plataforma da Sanidade Pública da Barbanza

A deputada no Parlamento de Galiza Montse Prado e a responsábel do BNG na Barbanza, Cristina Andrade reuníronse con representantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza para tratar asuntos relativos á área sanitaria.

Na xuntanza, falouse de que o Hospital da Barbanza precisa melloras no laboratorio xa que o seu reducido espazo fai que as traballadoras e traballadores desta área teñan unhas malas condicións para desenvolver o seu traballo. Con respecto a Urxencias Montse Prado denunciou como se volve licitar novamente o proxecto -o segundo- de ampliación de Urxencias unha promesa que rescatan en período pre-electoral e que volven deixar no caixón unha vez pasadas as eleccións. Segundo Prado, “o PP é capaz de xogar coa saúde dos galegos e das galegas prometendo ampliar un servizo indispensábel con tal de gañar eleccións e non todo vale”.

Con respecto ao persoal, comentouse a falta de pediatras nos centros de saúde, a escaseza destes profesionais agrávase co paso do tempo ao non cubriren as prazas desta especialidae. Malia todo, é especialmente grave o caso da Pobra do Caramiñal e de Rianxo. Por parte do BNG xa se esixiu a ocupación destas prazas por especialistas en pediatría.