O BNG pide mellorar a ordenación do tráfico na zona da Cruz de Pedra, Agros da Vila e Tarrío

O BNG pide mellorar a ordenación do tráfico na zona da Cruz de Pedra, Agros da Vila e Tarrío

A condición dos camiños rurais do noso concello son absolutamente inaceptábeis. Abertos segundo o vento do momento, carecen de todas as características necesarias para ser consideradas vías de comunicación acordes co tempo que vivimos. Carentes de beirarrúas, son sempre unha aventura perigosa para quen as camiña, especialmente en días de mal tempo e horas de escuridade. A vexetación das bandas destes viais, que non preocupa nin moito nin pouco a este goberno municipal, engolfado só na cosmética do casco urbano, obriga a que os viandantes teñan que invadir a parte dos camiños “reservada” aos vehículos. Por non ter non teñen a máis mínima sinalización horizontal ou vertical que regule o tráfico, e a pesares das estreiteces que lle son propias son todas de dobre dirección vehicular, máis o tránsito a pe.

E claro, xa que logo, a necesidade de deseñar e implantar plans que atendan e corrixan esta situación.

Sabedores de que as solucións totais non se van dar dun día para outro, este concelleiro, no nome do grupo municipal do BNG, pon hoxe en destaque a situación de perigosidade que se produce na zona da Cruz de Pedra e os Agros da Vila para as persoas e vehículos que procedentes de varios lugares da parroquia de Santa Cruz de Lesón van ou veñen ao centro urbano. A pronunciada pendente na zona da Cruz de Pedra, xunto coas características da vía xa citadas como comúns para os camiños rurais, resultan en situacións de perigo para o tránsito rodado que se move en ambas as dúas direccións e dende logo moi principalmente para quen fai ese camiño a pé.

Por todo o exposto este concelleiro, en representación do Grupo Municipal do BNG, propón ao Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinteACORDO:

O Goberno Municipal establecerá a mellor condición de circulación en sentido único na área formada polos camiños municipais #297, #80 (e os #64 e #75, se for preciso) e a estrada AC-302 co fin de incrementar a seguridade viaria e peonil na mesma.