O BNG da Pobra demanda novamente a adecuación do muíño da Pontebarbanza e a súa contorna para uso social
A concelleira do BNG, Cristina Andrade, leva ao pleno deste mes de xuño unha moción na que se solicitan unha serie de melloras no muíño da Pontebarbanza e a súa contorna, imprescindíbeis para dar un uso social a este local municipal, como demandan os veciños e veciñas da zona. Afirmou que, pasada xa a metade deste mandato, non se avanzou en absoluto na dotación de espazos e recursos para que a cidadanía que reside no rural poida ter acceso a distintas posibilidades de lecer e socialización.
Cristina Andrade expuxo que desde a inauguración do muíño da Pontebarbanza foron varias as iniciativas presentadas polo BNG para que se mellorase a súa accesibilidade e se dotase dos elementos necesarios para que esta infrestrutura municipal puidese ser utilizada como local social polos veciños e veciñas da zona. Tamén presentou este grupo iniciativas para dotar ao Concello dunha rede de centros sociais e encher estes lugares con actividades, para achegar estas ás persoas que viven nas zonas rurais, rematando co mal costume, xa moi instaldo na conciencia dos distintos gobernos municipais, e tamén neste, de concentrar toda a oferta de ocio e cultura só no centro da vila.
A concelleira do BNG insistiu en que o local só conta con mesas e cadeiras e uns andeis baleiros, o acceso para as persoas con dificultades de mobilidade é difícil e perigoso e a contorna loce unha acumulación de matogueiras e silveiras que xa chegan á altura do tellado máis baixo. Ademais, o antigo camiño que conducía á parte baixa do muíño polo lado do río quedou atoado desde que se fixeron as obras.
Para rematar, Cristina Andrade expuxo os acordos para os que solicitan a aprobación da corporación: a limpeza e acondicionamento da contorna, a mellora da escaleira de acceso con dotación de dobre varanda e un punto de luz e a dotación de rede wifi, xornais, revistas, xogos e un punto de entrega e recollida de libros da biblioteca municipal