O BNG pide a paralización cautelar das obras do velorio da rúa Venecia
Recentemente fomos coñecedores/as dun informe elaborado polo arquitecto redactor do PXOM da Pobra onde, manifestando diversos argumentos técnicos moi ben fundamentados e baseados na normativa vixente no documento de ordenación urbanística do noso concello, concluía que a licenza de obra do velorio nunca debeu ser concedida por incumprir o ordenamento xurídico. O informe tamén explica moitas das cuestións polas que o BNG xa sinalara que era perfectamente posíbel non conceder a licenza.
En base a ese informe os veciños e veciñas teñen presentado un RECURSO POTESTATIVO DE REPOSICIÓN contra a concesión da licenza urbanística que é de obrigada resposta por parte da alcaldía.
Dende o BNG queremos destacar, ademais da imprudencia de conceder licenza sen contar con informes suficientemente determinantes, un aspecto para nós tamén relevante: o alcalde da Pobra non só é o asinante da licenza da obra, senón que no reparto das competencias do goberno municipal, por iniciativa propia, reservou para si mesmo as competencias de urbanismo. Unha das primeira medidas que tomou no exercicio desta responsabilidade foi despedir ao arquitecto técnico que durante os últimos 15 anos se encargou da área de urbanismo no concello mediante un contrato de prestación de servizos, oco que aínda non foi cuberto a día de hoxe. O departamento de urbanismo segue sen contar cun arquitecto superior que poida elaborar os informes pertinentes e, polo tanto, é evidente que aquela decisión supuxo un debilitamento nesa área e a perda dun posto imprescindible para o desenvolvemento de moitos tipos de trámites que requiren de experiencia no coñecemento do urbanismo local.
Por todo isto e tendo en conta as posíbeis repercusións de diversa índole que do exposto no recurso d@s veciñ@s se poden derivar, cremos imprescindíbel, por un mínimo de prudencia e responsabilidade, paralizar cautelarmente as obras con efecto inmediato, cando menos ata a resolución do devandito recurso de reposición. E así lle foi solicitado polo BNG ao Goberno Municipal co obxectivo de minorizar posíbeis prexuízos futuros, tanto para os propios veciños e veciñas como para a institución municipal.