O BNG da Pobra propón crear o departamento de normalización lingüística

dsc_0613
Ramiro Ouviña e Cristina Andrade edís do BNG na Pobra do Caramiñal. Foto: Chechu Río

O grupo nacionalista considera que é necesario contar cunha persoa técnica para a realización de campañas de normalización e dinamización lingüística.

O BNG da Pobra propón crear o departamento de normalización lingüística

O grupo municipal do BNG da Pobra do Caramiñal argumenta a necesidade de que exista unha praza para unha persoa técnica de normalización lingüística en base ao compromiso acadado o 25 de febreiro de 2016 nunha declaración institucional asinada por todos os membros da corporación a respecto da normalización lingüística do galego na administración local da Pobra do Caramiñal, na que constaban os seguintes compromisos:

Utilizar o galego como lingua vehicular da administración local.
Defender e poñer en práctica a normalización da lingua galega no ámbito local, oralmente e por escrito.
Fomentar e promover o uso normal do galego entre os veciños e veciñas do concello, nomeadamente entre as persoas máis novas, deseñando e levando a cabo campañas de sensibilización e uso”.

Posteriormente, nos compromisos asinados o 18 de xullo entre o goberno local e o grupo municipal do BNG para a aprobación dos orzamentos, incluíuse un punto que recollía literalmente:

O idioma de uso habitual no concello será o galego, especialmente nas comunicacións públicas e oficiais. O vindeiro ano solicitarase a subvención da Deputación que permita a creación do Servizo de Normalización Lingüística Municipal”.

O pasado día 2 de xaneiro publicouse no BOP a convocatoria do programa de subvencións provinciais para a creación, mantemento e reforzo dos Servizos de Normaliación Lingüística nos concellos da provincia da Coruña.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do BNG-AA propón á Corporación a adopción dos seguintes ACORDOS:

  1. Crear o Servizo de Normalización Lingüística Municipal no primeiro trimestre de 2017

  2. Solicitar á Deputación da Coruña a subvención para a creación do Servizo de Normalización Lingüística Municipal en tempo e forma.

O BNG da Pobra propón crear o departamento de normalización lingüística