«Non queremos que a colección de bonecas se saque dun local municipal pero o museo precisa cambios»
Concelleiro do BNG en Ribeira e integrante do consello nacional, Luís Pérez Barral pasou onte polos micrófonos de Radio Voz para abordar asuntos que marcan a actualidade municipal, como o debate sobre o cambio de nome da rúa Miguel Rodríguez Bautista ou a próxima convocatoria de eleccións autonómicas.
-¿Que leva ao BNG a defender a eliminación da rúa dedicada a Rodríguez Bautista?
-Respondemos a unha demanda formulada pola Comisión da Memoria Histórica e consideramos que a lei non se está a cumprir. É preciso quitarlle honores a quen colaborou co réxime opresor. Foi o xefe da falanxe. Dende algunhas entidades usouse isto para cargar contra a proposta secundada por tres partidos.
-No paquete de cambio de nomes non se inclúe o da praza de Teruel, que todo parece indicar que está vinculado á guerra civil.
-Teríase que recoller dentro do ámbito de rúas que formaron parte da memoria da ditadura, pero como hai outras como a praza de Compostela ou de Vigo, hoxe en día non se ten da de Teruel esa idea de lembranza directa coa ditadura. A xente non entendería que se cambiase o nome.
-Outra cuestión que foi motivo de controversia nos últimos tempos é a relativa á solicitude do BNG para a retirada da colección de bonecas do Museo Municipal.
-O BNG non ten nada contra as bonecas e non queremos que a colección se saque dun local municipal. Sen embargo, entendemos que no Museo debe efectuarse un cambio. De feito, nós recollemos a proposta de artistas do municipio e da bisbarra porque a xente non está acudindo a esta sala expositiva porque non lle resulta atractiva. A colección non é homoxénea. Estamos abertos a realizar propostas para dinamizar o edificio e o BNG pensa que se precisa de máis lugares para facer exposicións e xuntanzas no municipio.
-Falando de propostas, a formación á que pertence presentou varias vinculadas á mellora da seguridade viaria, ¿ten o BNG algún plan neste sentido?
-Cada vez máis persoas nos manifestan as súas discrepancias porque faltan pasos de peóns ou pola deficiente iluminación dalgunhas zonas. Estamos facendo unha campaña para a mellora da accesibilidade. Queremos que Ribeira sexa un entorno seguro para os peóns e para os condutores.
-Tamén fan unha aposta polo uso do dominio .gal e a súa promoción por parte do Concello.
-Temos un dominio propio e debemos darlle a relevancia precisa. Dende o Concello estase traballando ben. O dominio .gal é a cara visible dunha lingua e unha cultura propias. É un sinal de identidade.
-O Bloque forma parte do goberno da Deputación e hai colectivos, coma o encargado da organización da Festa da Dorna, que reclamaron a colaboración deste organismo.
-Comentáronnos melloras que queren facer para que a festa teña máis relevancia. Queren incrementar a dotación económica para facer máis actividades e potenciar as existentes e expuxeron as súas iniciativas á deputada Ánxela Franco. O organismo provincial estudará agora as demandas e determinará en que medida pode facer algo para satisfacelas.
-Vostede tamén forma parte, tralo proceso renovador no que se elixiu a Ana Pontón, do consello nacional. As eleccións autonómicas son inminentes, ¿como afronta o BNG esta circunstancia?
-Vanse levar a cabo asembleas abertas para sintonizar coa militancia. Fan falla forzas propias decididas a que haxa un cambio.
-Dáse a circunstancia de que agora a bisbarra ten un gran peso no consello nacional do partido, dado que hai moitos máis membros que nunca.
-Eu síntome moi contento de que haxa un gran peso de xente da bisbarra. Trátase de integrantes moi preparados, persoas que coñecen ben a realidade da zona e que están a pé de rúa. Con esa visión vaise mellorar o traballo do BNG no Barbanza. Vimos de relanzar unha proposta que pretende ser o reforzo do proxecto nacionalista.
Escoita a entrevista completa: Radio Voz entrevista a Luís Pérez Barral