O BNG ribeirense esixe maior transparencia e pide crear un rexistro de agasallos e doazóns
Os veciños e veciñas do Concello de Ribeira deben ter nos seus cargos públicos e nas administracións públicas un espello de responsabilidade, austeridade e honestidade. Tendo como base estes principios estamos seguros e seguras de que se reforzará a confianza na integridade, obxectividade e imparcialidade das institucións públicas.
Desde o BNG seguimos traballando na mellora da transparencia e cremos que a veciñanza debe coñecer que doazóns recibe o concello por seren propiedade de toda a veciñanza do municipio. A creación dun rexistro público suporá mellorar a transparencia e a loita contra posíbeis casos de corrupción. Cremos que debe existir un maior control e transparencia tamén sobre os agasallos que reciben os concelleiros e concelleiras. Esta transparencia e control será un xermolo para evitar suspicacias e xerará maior seguridade na custodia daqueles que, polas súas características, pasen a formar parte do patrimonio municipal. Do mesmo xeito contribuirá a evitar "perdas" de patrimonio público como a do traxe de gala tradicional galego que fora doado ao concello sen que se coñeza o seu paradoiro.
Por iso, o grupo municipal do BNG de Ribeira, solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes ACORDOS:
1º.- Que se elabore un borrador de Regulamento de Agasallos e Obsequios.
2º.- Que dito regulamento inclúa a creación dun Rexistro Público dos agasallos e obsequios así como a xestión dos mesmos.