Destápanse as mentiras e irregularidades do PP con respecto ao museo municipal
No mes de xaneiro deste mesmo ano, o Bloque Nacionalista Galego presentaba unha proposición dirixida a crear unha nova sala polivalente de uso cultural en Ribeira, unha idea que pretendía revitalizar o uso e as visitas do Museo Municipal de Ribeira e incrementar o equipamento cultural do que dispoñen os e as nosas artistas, medida que foi rexeitada polo PP e IPR.
Trala sesión plenaria do 25 de xaneiro de 2016, o grupo municipal do Bloque pediu unha copia do convenio do depósito da colección das bonecas que se atopan no Museo Municipal. Despois dun mes no que o BNG esixiu o convenio atopando moitas trabas, o persoal municipal procurou dito convenio, mediante un traballo minucioso, ata descubrir que non existían documentos e só nos facilitaron recortes de periódico. Chegados a este punto, o secretario do Concello de Ribeira emite un certifiado no que expón que non existe un convenio entre o Concello de Ribeira e a propietaria da mostra, Magdalena Bringas.
O BNG intentou concertar unha reunión cos membros do goberno co fin de explorar unha solución consensuada e tras 2 meses negándose a recibirnos, vémonos obrigadas/os a volver a presentar a proposta. Segundo o concelleiro Luís Pérez Barral vemos que a transparencia e participación da que fachendea cara a galería o goberno local, non é máis ca unha pantomima.
A inexistencia dun convenio entre as partes para o depósito de tal colección, demostra a falta de rigorosidade do goberno do Partido Popular á fronte do concello, xa que o habitual nas institucións públicas é que se asinen uns documentos que estipulen as condicións e características dos depósitos que se realizan. Reiteramos que actualmente non existe convenio que rexa e/ou determine as condicións de uso, cesión e utilización de tal mostra de bonecas, polo que o goberno de Ribeira queda retractado e demóstrase como o alcalde e a concelleira de cultura mentiron na sesión plenaria a todos os grupos da Corporación Municipal e a toda a veciñanza da localidade cando aducían a que era imposíbel que eles fixesen nada.
Como ben expuxemos no seu día, co traslado da colección das bonecas, contribuiríase a liberarmos un espazo polivalente para presentacións culturais, sala de exposición temporal e sala de actos a este andar do Museo Municipal de Ribeira, creando unha sala polivalente no centro urbano da vila que servise de atracción de visitantes e con eles un maior dinamismo do Museo Municipal ribeirense.
Malia o anterior, entendemos que o espazo do que dispón o edificio é moi reducido como para dar acubillo a unha instalación museística axeitada, por iso propoñemos a creación dun grupo de traballo que estude as posibilidades de uso que se lle pode dar ao espazo, posíbeis utilidades sería a dun edificio institucional, edificio cultural, etc. A definición dos usos e funcións da instalación por parte do grupo de traballo sabemos que pode levar un certo tempo, pois require consenso e unha planificación axeitada polo que, mentres non se chega a un acordo definitivo, ese espazo debería ser unha sala de uso múltiple.
Por todo isto, en nome do BNG, Luís Pérez Barral proporá adoptar os seguintes acordos:
A) Trasladar a colección de traxe galego da colección de bonecas a un novo emprazamento que determine un grupo de traballo ao que asistan a propietaria da colección, e un representante de cada grupo municipal da Corporación Municipal.
B) Habilitar o segundo andar do Museo Municipal de Ribeira como sala de usos múltiples mentres non se determina o uso definitivo do edificio.
C) Crear un grupo de traballo entre os grupos políticos que integran a Corporación Municipal de Ribeira para estudar o uso e definición do edificio do Museo Municipal.