O BNG de Ribeira propón destinar 46.000€ para rebaixar 70.000 viaxes en transporte público
O goberno do Partido Popular volve, un ano máis, organizar o xantar do maior, unha gran comida que o equipo de Manuel Ruiz licita por 46.000€, unha cantidade excesiva e mesmo obscena para gastala en comida nun só día.
Desde o BNG cremos que é un xesto hipócrita gastar cartos públicos na realización dun gran xantar que ofrece o mesmo partido político, o PP, que recorta dereitos sociais, aplica repagos e recortes na sanidade e na dependencia provocando unha deterioración dos servizos públicos. A hipocrisía do PP é seguir facendo grandes xantares e non mover un dedo para reclamar unhas pensións dignas para as xubiladas galegas e galegos ou como milleiros de persoas non cobran prestación malia ter a dependencia recoñecida.
Cómpre lembrar que o PP ficou con 8 edís dunha Corporación Municipal de 21. No BNG entendemos que o gasto dunha cantidade de cartos tan elevada debería ser consensuado cos diferentes grupos políticos ou levado a pleno para ver se conta co apoio suficiente para dilapidar ese diñeiro nun só día.
No Bloque consideramos que se podería celebrar o xantar sempre e cando se reducise esa contía tan elevada, reformulando o festexo tal e como teñen feito outros concellos.
O BNG leva anos traballando en mellorar a calidade de vida da veciñanza de Ribeira, por suposto tamén a das nosas persoas maiores. Os 46.000€ poderían servir para rebaixar a metade de prezo unhas 70.000 viaxes anuais en transporte público. Esta proposta permitiría que as persoas maiores, mozas, desempregadas e con mobilidade reducida puideran viaxar no autobús por 0,60€ facilitando a mobilidade, reducindo tránsito de vehículos e problemas de estacionamento.
Por todas estas razóns o Bloque Nacionalista Galego presentamos a seguinte proposta:
Que os 46.000€ que o goberno municipal de Ribeira pretende gastar nun xantar se invistan en crear unha tarifa reducida no transporte público para as persoas xubiladas, a mocidade, as persoas desempregadas e aquelas que teñan mobilidade reducida, co que se facilitarían e economizarían os desprazamentos, e se potenciaría transporte colectivo.