O BNG denuncia o incumprimento do Concello e de Portos de asfaltar o Malecón e as Carolinas

DSC07760
Os concelleiros Luís Pérez Barral e Xosé Vázquez Cobas

O Concello incumpre a súa promesa de ter amañado o firme antes de verán

O BNG denuncia o incumprimento do Concello e de Portos de asfaltar o Malecón e as Carolinas

En abril deste mesmo ano, o Bloque Nacionalista Galego de Ribeira presentou unha solicitude ante a Corporación Municipal para demandar que Portos de Galiza asfaltase o deteriorado firme da Avenida das Carolinas e da Avenida do Malecón. Estas avenidas son titularidade pública, concretamente correspóndelle a Portos de Galiza a realización do mantemento, labor que claramente está a incumprir. Isto contrasta coa ambición do propio ente público, de posuír tantos terreos como lles sexa posíbel, mentres que deixa os que xa ten nunha situación de deterioro acusado.

 

Como ben explicamos no seu día desde o Bloque consideramos que, se Portos de Galiza desexa ser titular dos terreos que hoxe en día xa non teñen un uso portuario, non só debe selo para ter os beneficios que lle reporta o cobro de taxas á hostalaría pola colocación das terrazas, senón que tamén debe selo para cumprir coas súas obrigas de manter en bo estado de mantemento o firme da principal estrada de acceso ao casco urbano de Ribeira. Do mesmo xeito quero lembrar que o Concello de Ribeira xa corre co custo da limpeza e da iluminación desta zona por ser de interese xeral para a veciñanza do municipio.

 

Pois ben, no mes de abril de 2015 informóusenos de que a mellora do firme de ambas avenidas e a súa remodelación sería unha realidade a curto prazo. Transcorridos 6 meses non se sacou a licitación esta actuación polo que denunciamos os incumprimentos non só de Portos de Galiza, senón tamén propio goberno do Concello de Ribeira por non avanzar na remodelación das avenidas e en esixir a súa mellora.

 

Desde o BNG criticamos a desidia do goberno de Ruiz Rivas, por “lanzar moitas promesas para logo incumprilas, provocando frustración e desconfianza na veciñanza” segundo declaracións do concelleiro Luís Pérez Barral. Ademais Pérez Barral apuntou que son “centos veciños e veciñas as que a diario transitan por estas dúas avenidas e sofren o mal estado do seu firme”. Finalmente apuntou o concelleiro nacionalista que “co deterioro do firme hai máis risco de sinistros, xa que o agarre das rodas é menor”.

 

Por todo o exposto anteriormente, o BNG acaba de facerlle dúas preguntas ao goberno municipal:

Cando vai o Concello de Ribeira ter preparado o convenio con Portos de Galiza co fin de materializar a reforma da Avenida do Malecón e Avenida das Carolinas e a mellora do firme destas?

Que prazos manexa o goberno municipal para a realización desta obra?

O BNG denuncia o incumprimento do Concello e de Portos de asfaltar o Malecón e as Carolinas