O BNG recolle as demandas das confrarías da ría de Arousa

Xuntanza entre o BNG coas confrarías da Ría de Arousa
Xuntanza entre o BNG coas confrarías da Ría de Arousa
O BNG recolle as demandas das confrarías da ría de Arousa

A deputada nacionalista Montse Prado xunto co responsábel comarcal Luís Pérez, as concelleiras Adelina Ces e Pilar Sampedro e Tobías Betanzos reuníronse en Rianxo coas confrarías da ría de Arousa co fin de escoitar as demandas do sector. Na xuntanza estiveron e os patróns e patroas maiores de Vilanova, Rianxo, Aguiño, Grove, Cabo de Cruz e Pobra do Caramiñal.

As confrarías trasladáronlle ao Bloque as demandas o sector e, neste sentido, expuxeron como os lombos do Ulla están nunha grave situación desde o ano 2010, o berberecho está completamente desaparecido e a rexeneración dos lombos e dos areais é unha tarefa aínda pendente por parte da Consallaría do Mar.

Outro dos problemas aos que se enfrontan as confrarías é a falla de interlocución coa Consallaría ao carecer de canles de comunicación cos patróns maiores. Tal e como apuntaron non falan co sector e cando o fan ignoran as súas propostas a non ser que sexan eleccións.

Para a deputada Montse Prado a consallaría regula e lexisla pero logo non hai un goberno que exerza e tome decisións, deixando estas en mans do sector intentando que se autoregule, o que xera divisións moi prexudiciais para o sector pesqueiro e marisqueiro. O goberno foxe dos problemas e non se reúne coas confrarías polo que ten un descoñecemento total dos problemas do sector, cando debería manter xuntanzas para resolver os problemas e mellorar as condicións nas que traballan.

O BNG levará ao Parlamento Galego e Europeo as seguintes cuestión que son prioritarias e amplamente defendidas polo sector:

- Que o xeito, que é un modelo sostíbel, non estea sometido a ningún tipo de cota, ao igual que os descartes e a sardiña non deberían estar suxeitos a cotas.

- Creación dun plan de rexeneración dos lombos do Ulla, da ría e ter un plan de semente que axude a recuperar zonas de marisqueo degradadas.

- A regularización da potencia dos motores e normas de seguridade.

Os patróns maiores agradeceron a posibilidade de trasladar as súas demandas a través do BNG ás institucións e emprazáronse a seguir mantendo unha estreita relación para garantir un futuro digno e unhas boas condicións para o sector marisqueiro.