O BNG propón destinar os 42.000€ dun xantar a emprego e transporte público
O goberno do Partido Popular volve organizar o gran xantar do maior, unha gran comida de 1.000 persoas (moitas delas de fóra de Ribeira) que lles custa a todos os veciños e veciñas de Ribeira algo máis de 41.000€, unha cantidade excesiva e mesmo obscena para gastala nun só día.
Sabemos que as nosas persoas maiores merecen todo tipo de recoñecemento mais entendemos que non é xusto usar cartos públicos para un gran xantar ofrecido polos mesmos que recortan dereitos sociais, aplican repagos e recortes na sanidade, nos servizos sociais ou na educación provocando unha deterioración dos servizos públicos esenciais. Segundo a responsábel local do BNG, Elvira Blanco “a hipocrisía do PP é seguir facendo grandes xantares e non mover un dedo para reclamar unhas pensións dignas para as xubiladas galegas e galegos que cobran as pensións máis baixas de todo o Estado español“.
Para facernos unha idea da cantidade que supón ese desbaldimento de 41.818€ de cartos públicos, a contía iguala á subvención anual da Xunta de Galiza para as retribucións de todos os socorristas dos areais ribeirenses e mesmosupera en 6.000€ á cantidade destinada para a organización anual de actividades deportivas no noso municipio e queda moi lonxe dos 6.000€ destinados a adquirir novos fondos para a biblioteca pública.
Nas eleccións municipais de 2015 o PP ficou con 8 edís dunha Corporación Municipal de 21, desde o BNGentendemos que unha cantidade de cartos tan elevada debería ser consensuado cos diferentes grupos políticos para ver se conta co apoio suficiente para dilapidar máis de corenta mil euros nun só día ou se, pola contra, o sentir maioritario é dedicalo a fins máis acaídos.
Desde o Bloque Nacionalista Galego cremos que existen prioridades máis perentorias e por iso propoñemos varios usos que se lle poden dar a esa contía de cartos:
A) Que os 41.818€ se destinen a tarefas de vital importancia como son as políticas activas de fomento do emprego, nomeadamente entre a mocidade, para evitar que sigan emigrando por falta de espectativas e salarios dignos. Xa que durante estes anos máis de 2.000 mozas e mozos de entre 15 e 35 anos* tiveron que marchar do noso municipio. *Datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).
B) Que os 41.818€ se empreguen para crear unha tarifa reducida no transporte público para xubiladas/os, mocidade e desempregadas/os cos que facilitar e economizar os desprazamentos, así como medida para potenciar o transporte colectivo. Segundo o concelleiro Luís Pérez “os 42.000€ servirían para subvencionar 60.000 viaxes de transporte público a metade de prezo“.