O BNG pide regularizar a situación dos terreos públicos de Couso
Desde o Bloque Nacionalista Galego somos coñecedoras e coñecedores de que en Couso existen terreos, que están recoñecidos como montes de titularidade pública. Os bens públicos, é dicir os bens que pertencen ao pobo, axústanse, segundo a lei 33/2003, do 3 de novembro, do Patrimonio das Administracións Públicas, ao seu carácter de inalienabilidade, inembargabilidade e imprescritibilidade. Isto quere dicir que a súa titularidade non se poden vender ou ceder nin extinguir por moitos anos que pasen.
No BNG somos conscientes de que hai aproximadamente 100 anos, os poderes públicos cedéronlle o dereito de traballar terras situadas en Couso a persoas que non tiñan suficientes recursos, esta medida adoptouse ante un período de grandes dificultades económicas e sociais. Esta situación foi perpetuándose e moitas persoas facían transmisións dese terreo público sen que ninguén o impedise. Durante décadas existíu un desleixo por parte dos diferentes gobernantes da administración local que nunca quixeron regular esta circunstancia, o cal nos leva á situación actual; terreos con valados, cancelas e vivendas construídas en terreo público.
Entendemos que debemos chegar a un acordo coas persoas propietarias das vivendas que están levantadas en terreo de titularidade pública, e non podemos permitir a construción de novas vivendas, valados e cancelas. É evidente que existen dificultades pois non é viábel nin lóxico expulsar ás veciñas e veciños de Couso das súas casas, mais tampouco podemos seguir sen facer nada e mirando para outro lado, pois é o noso deber e compromiso defender os bens públicos e o interese xeral deste concello.
O Concello de Ribeira terá en 2017 un Inventario de Bens Municipais, algo moi necesario que permitirá defender e evitar perdas do patrimonio que é de todas e todos, mais o desleixo das persoas que ostentaron responsabilidade de goberno foi tal que esta eiva chega ao nosos días, de aí a nosa solicitude. O momento de regular a situación dos terreos de Couso é agora, non perdamos a oportunidade.
Por todo isto, o BNG solicitou o seguinte:
Que o Concello de Ribeira en base á recoñecida a titularidade pública emprenda todas as accións que sexan necesarias para que se reclame a ocupación e dispoñibilidade das parcelas de Couso que foron cedidas no seu momento e seguen sendo de propiedade municipal.