O BNG insta a Portos e a Mar a que se impliquen na posta en marcha da lonxa

DSC06697
A deputada Montse Prado co grupo municipal do BNG na lonxa de Ribeira

Montse Prado reúnese cos xestores da nova lonxa e co colectivo Sector Pesquero de Ribeira para coñecer as súas posturas

O BNG insta a Portos e a Mar a que se impliquen na posta en marcha da lonxa

A deputada nacionalista Montse Prado, acompañada do responsábel comarcal do BNG Luís Pérez Barral e o grupo municipal do BNG ribeirense, realizou unha visita á nova lonxa de Ribeira para coñecer o seu funcionamento e ver cal vai ser o sistema de traballo. Tamén tivo ocasión de se reunir co novo colectivo creado ante as inquedanzas de parte do sector, Sector Pesquero de Ribeira.

Tanto a visita á nova lonxa como a xuntanza con Sector Pesquero de Ribeira prodúcense a raíz de existir divisións no sector do mar pola posta en marcha da rula ribeirense e o cambio de modelo de funcionamento e do sistema de traballo.

Para a deputada Montse Prado é lóxico que cando mudas de casa haxa cambios pero denunciou como “a Consellería do Mar e Portos de Galiza están de perfil ante un posíbel choque de trens na posta en marcha da nova lonxa e a nós [BNG] preocúpanos que non haxa acordo entre as partes porque será nefasto para o sector e para Ribeira”.

Prado tamén apuntou que “Portos e Mar non poden investir máis de 15 millóns de euros para logo crear problemas e divisións no sector do mar. Desde o BNG sabemos que existen discrepancias entre Sector Pesquero de Ribeira e os xestores da nova lonxa polo modelo de xestión, por iso Mar e Portos deben sentar co sector para propiciar un acordo que beneficie a ambas partes”.

O responsábel comarcal do BNG Luís Pérez fixo fincapé en que desde o BNG queremos evitar unha guerra aberta no sector do mar e por iso esiximos que “Portos e a Consellería do Mar se xunten coas dúas partes implicadas para diaolgar e conseguir que o sector estea o máis unido posíbel facendo que a lonxa de Ribeira siga sendo referente, porque con isto gaña o sector e gaña Ribeira”.

O BNG insta a Portos e a Mar a que se impliquen na posta en marcha da lonxa