O BNG e a empresa que xestionará a nova lonxa de Ribeira reúnense para falar do seu futuro

Luís Pérez e Pilar Sampedro. Maio 2016
O concelleiro Luís Pérez e a concelleira Pilar Sampedro
O BNG e a empresa que xestionará a nova lonxa de Ribeira reúnense para falar do seu futuro

O Concello de Ribeira é o primeiro interesado en que a lonxa vaia ben e funcione xa que iso implicará o mantemento e a creación de postos de traballo. Ante unha infraestrutura de tal tamaño é preciso atraer novas descargas. Segundo a empresa que gañou a concesión administrativa para xestionar a lonxa durante 3 anos + posibilidade dun ano de prórroga, chámase UTE Lonxa de Ribeira SL.

Os representantes informáronnos de que xa se están poñendo en contacto con outras confrarías da ría arousá e con empresas que poidan ter interese en descargar os barcos no porto ribeirense.

A empresa Lonxa de Ribeira está constituída por xente de Ribeira e con experiencia de traballo neste porto pesqueiro, mais están en plenas negociacións coa confraría de Ribeira para que se integre na sociedade e poida ser parte activa na xestión da rula, pois esta entidade representa a unha gran cantidade de mariñeiros, mariscadoras/es… e para o cal se vai ofrecer unha colaboración especial ante ese carácter de entidade representativa do sector pesqueiro.

Segundo comentaron desde a sociedade a apertura da nova lonxa implicará mellorar o control do peixe e marisco que se descarga no porto e tamén se cumprirá coa normativa hixiénico-sanitarias e cadea de frío, situación que agora non se dá. A realización dos diferentes procesos; descarga, peso, trazabilidade e informatización das poxas en tempo real implicará a contratación dunhas 30 persoas. No proceso de comercialización tamén estarán presentes as vendedurías.

Segundo puidemos saber no BNG, a empresa subirá do 1% ao 3% o que lle cobra á confraría ribeirense mais está disposta a contratarlle servizos a esta entidade por valor do 2% para que non supoña unha perda de recursos económicos para as persoas socias da entidade.

Con respecto ás persoas minoristas indicouse que se lle sube o prezo que pagan en 50€ máis ao mes pero van ter unha serie de servizos tales como espazos propios de traballo.

Desde o BNG criticouse, no Parlamento de Galiza, o escurantismo e a incapacidade de Portos de Galiza e da Consallaría do Mar de poñer andar unha instalación tras investir 15 millóns de euros nese macroedificio que implica uns custes de mantemento desorbitados. Do mesmo xeito pediuse a rebaixa do aparcadoiro para que poida ser rendíbel a súa apertura.

A concelleira e responsábel de asuntos marítimos Pilar Sampedro, explicou que no Bloque apostábamos por unha xestión mixta onde o 51% do capital fose público e o 49% restante fose o sector (confrarías, empresas exportadoras, vendedurías, etc) algo que se desbotou de vez sen tan sequera estudala por parte da Consallaría ou Portos de Galiza.

 

Finalmente, desde o BNG solicitamos que se proceda a abrir a nova infraestrutura canto antes, pois é preciso poñer en funcionamento un investimento de 15 millóns de € que por agora permanece pechado e sen uso.

O BNG e a empresa que xestionará a nova lonxa de Ribeira reúnense para falar do seu futuro