O BNG denuncia a inacción do goberno ante a negativa da Policía Local a usar galego e respectar as leis

Luís Pérez Barral. Policía Local. Novembro 2016
O concelleiro Luís Pérez Barral diante da Comisaría da Policía Local
O BNG denuncia a inacción do goberno ante a negativa da Policía Local a usar galego e respectar as leis

No mes de novembro de 2016 o BNG rexistraba unha solicitude para que os membros da Policía Local ribeirense empregasen a lingua galega como lingua vehicular nas súas comunicacións sobre cortes viarios, desvíos provisionais, prohibicións temporais... xa que estas comunicacións estaban a facerse só en castelán.

Os motivos que nos levaban no Bloque a presentar esta proposta tiñan que ver directamente con:

A) Cumprimento efectivo ao artigo 5.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia onde se di:

Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento

B) Cumprimento efectivo do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado unanimemente polo Parlamento de Galiza no ano 2004. Dentro da área da administración local recóllese:

1.2.3. Establecer que todos os departamentos e organismos dependentes das deputacións e concellos (oficinas de atención ao público, instalacións deportivas, televisións e radios municipais, servizos de augas, etc.) teñan a lingua galega como lingua xeral de referencia oral e escrita

Na solicitude rexistrada tamén se engadía que debíamos promover un uso normalizado da lingua propia de Galiza en tódolos ámbitos e sobre todo naqueles onde o galego aínda está pouco presente como poden ser os corpos e forzas de seguridade, administración de xustiza, etc. Unha boa medida sería empregar o que se denomina oferta positiva. Consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a persoa que representa a Administración, neste caso un policía e o ou a cidadá. Coa oferta positiva desinhibimos o galego do interlocutor, permite que o galego saia da ocultación e facilita que a conversa poida continuar nesa lingua, se o veciño ou veciña o desexa, eliminando a barreira rutineira pola que un veciño ou veciña lle oculta o seu galego a todo aquel que aparece revestido de máis poder ou autoridade.

Esta petición ficou sen resposta e sen cumprimento, xa que no mes de marzo de 2017, o Bloque Nacionalista Galego volvía presentar unha iniciativa na que se denunciaba a vulneración de dereitos nas probas de selección de persoal para ocupar 12 postos de auxiliares para este corpo de seguridade. A vulneración producíase ao non facilitar o exame en galego a algunha persoa que así o solicitara e mesmo tivo que aturar malas contestacións.

Este feito, supuxo unha grave situación de discriminación lingüística e unha vulneración de dereitos fundamentais, posto que o artigo seis da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística di:

1. Os cidadáns teñen dereito ó uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.
2. As actuacións administrativas en Galicia serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada.
3. Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.

Pois ben, neste mes de abril de 2017 atopámonos que a aparente belixerancia coa lingua galega por parte da Policía Local de Ribeira segue en pé e vai a máis. Nesta ocasión o BNG denuncia a deturpación da toponimia no aviso que a Policía Local está a difundir con motivo da I Trivolta a Galicia que organiza a Federación Galega de Triatlon.

No escrito poden verse escrito Avda de la Coruña Avda del Ferrol, formas claramente deturpadas e non oficiais nin correctas o que vulnera o artigo 10.1 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística e outros acordos adoptados polas autoridades competentes como as corporacións municipais respectivas e da propia Xunta de Galiza para a denominación oficial de ámbolos dous concellos.

Desde o BNG Ribeira vemos con preocupación como un departamento do Concello de Ribeira, neste caso o da Policía Local, exclúe a lingua propia de Galiza de toda a súa actividade, mesmo chegando a incumprir lexislación en vigor en materia de dereitos e deberes lingüísticos. Tampouco entendemos que se a lingua vehicular do Concello de Ribeira é o galego, este departamento se negue a empregar a lingua galega nas súas comunicacións coa veciñanza sen que o goberno local actúe.

Desde o Bloque propoñemos que, xa que o Concello de Ribeira conta cun departamento de normalización lingüística, este debería prestar especial atención a aqueloutros departamentos que reiteradamente están a incumprir lexislación en materia lingüística. Desde normalización lingüística tamén se podería prestar axuda a departamentos onde exista un uso anecdótico ou inexistente da lingua galega para que o persoal poida elaborar os seus informes e comunicados en lingua galega sen dificultade.

Ante todo o anteriormente exposto, en nome do BNG solicito:

A) Que o alcalde de Ribeira inicie as accións oportunas para rematar cos incumprimentos dos dereitos e deberes lexislativos por parte da Policía Local.
B) 
Que a área de normalización lingüística preste atención especial aos departamentos que exclúen ou teñen un baixo uso da lingua galega, prestando asesoramento e promovendo o uso do galego.

O BNG denuncia a inacción do goberno ante a negativa da Policía Local a usar galego e respectar as leis