Rianxo pon en marcha un novidoso proxecto de depuración autónoma en Cerqueiras, Araño

Cerqueiras. Concello de Rianxo
Cerqueiras. Concello de Rianxo
Rianxo pon en marcha un novidoso proxecto de depuración autónoma en Cerqueiras, Araño

O Plan de Medio Ambiente da Deputación da Coruña (PMA), aprobado no último pleno da Deputación, inclúe a realización dun proxecto en Rianxo que financia con 34.537,11 €, ademais da achega do Concello de 45.390 euros para un total de 79.927,54 €. Consiste en dotar de saneamento ao núcleo de Cerqueiras, na parroquia do Araño, e dotalo dun sistema de depuración autónoma, a primeira destas características en Rianxo e que servirá de modelo para outras instalacións deste tipo que se pretenden realizar cando concorran similares circunstancias.

Como esta poboación se empraza a unha distancia insalvable para a conexión á rede municipal de saneamento a solución adoptada para o lugar será a de unha instalación de rede de saneamento acompañada da instalación dunha pequena estación de depuración integral con moi baixo mantemento e custes que satisfaga as necesidades das vivendas de Cerqueiras.
 
Para esta obra, realizarase a apertura dunha gabia a cal recollerá a canalización de saneamento, segundo as necesidades de cada tramo, conectándose por pozos ás redes particulares e derivando nun sistema de depuración a instalar na parte mais baixa da aldea.

Na actualidade o núcleo de Cerqueiras non dispón de ningún tipo de servizo de saneamento público. Cada vivenda realiza a propia evacuación unifamiliar de maneira particular, cun número maioritario de desaugues en antigos pozos negros, onde non se realiza ningunha depuración, unicamente servindo de almacenaxe de sólidos, mentres os líquidos se filtran directamente ao terreo.

A día de hoxe, o lugar acolle 6 vivendas en uso, cun potencial a medio-longo prazo de ter localizadas unhas 10 vivendas. O número de habitantes empadroados no lugar estaba en 24 persoas no ano 2011. Os cálculos realizados, para obter unha depuración correcta na actualidade e con potencial de absorber posibles crecementos, foron estimados para 30 habitantes.

DESCRICIÓN E XUSTIFICACIÓN DAS OBRAS PROXECTADAS

O núcleo de Cerqueiras atópase a case 7 quilómetros de distancia da rede de  saneamento municipal mais próxima. Este afastamento, tendo en conta a ausencia de núcleos intermedios, así como a de outros factores topográficos desfavorables provocan que a solución tipo a realizar nestes casos, consistente no trazado dunha rede local para conexión ca rede xeral existente, sexa totalmente inviable polo que se optou polo modelo de depuración autónomo ao que s elle dará continuidade noutras aldeas do concello.

A solución adoptada é a de realizar un sistema autónomo, con disposición de rede de saneamento e derivación nunha pequena estación de depuración, formada por un equipo compacto composto por unha fosa séptica estanca e filtro biolóxico ; e por dous pozos de drenaxe.

No lugar non existe ningún tipo de instalacións da mesma natureza que as proxectadas, as pendentes do terreo provocan que o saneamento teña caída cara a parte mais baixa da aldea, cunha parte desfavorable no primeiro tramo, onde haberá que calcular o desnivel e fondeo na propia calzada, mentres que no resto do lugar pódese realizar unha rede con pendente natural, seguindo a caída do terreo.  A lonxitude total da rede está nos 115 metros, ata o último pozo, onde sairá a rede de conexión ca estación de depuración.

Rianxo pon en marcha un novidoso proxecto de depuración autónoma en Cerqueiras, Araño