Rianxo aproba uns orzamentos que priorizan o social, o deportivo, a cultura e as infraestruturas
As cifras reflicten o compromiso que ten o goberno coas demandas das veciñas e veciños de Rianxo
Co voto afirmativo do BNG e o PP, a abstención do PSOE e o voto contrario de Rianxo en Común aprobáronse os orzamentos presentados polo executivo rianxeiro. Entre outros investimentos destaca o destinado a adquisición do Pazo de Rianxiño para centro de día, materializando o acordo da corporación, e posibilitando o futuro pago de mais de 1.600.000 que custa este equipamento. Desde este momento pasan a formar parte do orzamento e fican blindados.
O total do orzamento aprobado onte ascende a 9.684.370 do que se destina a investimentos mais de 2.600.000, un 28 % do total, o 7% máis do pasado orzamento en vigor. Ademais do necesario para o Pazo centro de día, uns 560.000 son achegas do propio Concello a unirse a subvencións doutras administracións (800.000).
Estamos diante duns orzamentos feitos desde o rigor técnico, de cumprimento da estabilidade orzamentaria e da regra de gasto, equilibrados e realistas no aumento dos ingresos e dos gastos. Pero sobre todo, priorizan investimentos sociais, deportivos, culturais e de infraestruturas. A melloría da xestión, logo de no período 2001-2015 diminuir até menos do 10% a débeda financiera, posibilita agora acudir mantendo a solvencia a novos créditos ligados a actuacións concretas. Fixémolo cun programa de 500.000 euros para poñer o día e reparar todas as escolas unitarias que comezarán este curso con todas as obras realizadas. E, sobre todo, para atender grande prioridade que é a adquisición patrimonial do Pazo de Rianxiño.
Sen ter realizado os deberes en temas económicos, non sería posíbel acceder a liñas de crédito. Incluso os avances de liquidación do orzamento de 2017 permiten sinalar que será moi posíbel adiantar catro anos a devolución do primeiro dos créditos pedidos polo executivo e liquidar xa ese crédito coa entidade bancaria nun só ano. Isto deixaría como único crédito o destinado ao centro de día a xestionar neste ano.
O gasto social é un dos que mais aumenta ligado ao Pazo, pero tamén se fai un esforzo para garantir un aumento das prestacións de axuda a domicilio para chegar a perto de cen persoas cun importante aumento das horas de prestación social, que pasarían a ter 10.000 horas máis o ano. Mais tamén incluír investimentos como o ascensor para o edificio Liceo destinado a centro social, multiplicar por sete as axudas de emerxencia social que pasarían aos 20.000 euros ou as medidas de conciliación que no caso do Concello permiten que 170 nenos e nenas acudan aos campamentos de verán durante mes e medio de actividade, un dos máis amplos de toda a bisbarra. Ou a reforma das antigas vivendas dos mestres para dedicalas a vivenda de emerxencia social e de alugueiro.
En educación tras as obras realizadas no curso pasado en Asados, acometerase o comedor do colexio Brea Segade de Taragoña, co que todos os centros públicos de Rianxo terán servizo de comedor. Isto é ofrecer nas parroquias servizos de calidade competindo con ofertas concertadas e dando razóns para quedarse a vivir no rural. Neste senso o grupo de goberno compromete tamén , froito das conversas co Partido Popular, un total de 100.000 euros para o vindeiro Plan de Obras da Deputación para investimentos nos colexios, a complementar con outros tantos da Consellería de Educación, para conveniar actuacións nos colexios.
En materia de deportes os investimentos contemplan o remate dos vestiarios do Campo da Lomba, nestes intres en execución, así como equipamentos para o Club de Remo e Piraguismo, para competir en igualdade de condicións cos clubs de Galicia e o Estado.
En infraestruturas estanse acometendo obras ademais das mencionadas en Salto de Auga e rematada a reforma de Irmáns Insua, a rede de saneamento e abastecemento das Pedriñas á Casilla. Unha obra que nuns meses permitirá dar as primeiras casas do Araño servizo de traída municipal, a única parroquia que carecía dela.
Tamén se prevé en semanas iniciar a licitación do saneamento de Foxacos, o abastecemento de varias zonas en Asados, a mellora do vial a Campelo, o peche do pavillón do Colexio de Asados, unha nova sede para a Policía Local, o servizo de video vixilancia do parque empresarial, un novo tramo de saneamento de Traba e Agro da Moa no Araño, a fase 1 do vial de Brión. Tamén se garda unha cantidade para facer fronte a un investimento do IDAE para a substitución do 60% por cento de luminarias e cadros do Concello.
Son outros proxectos que siguen os seus trámites e que se licitarán antes que remate o ano como as melloras de cemiterio de Rianxo, o firme do campo de Arriba, o saneamento e abastecemento de Lustres, o arquivo municipal, os parques infantís da Torre, Brión, Quintáns e Buía, vial Asados Leiro e Corques entre outros investimentos.
En materia de emprego temos solicitado dúas escolas taller para uns trinta alumnos/as, aosque engadir que xa neste momento hai 25 persoas contratadas por un período de entre tres e sete meses ao abeiro de programas da Xunta e Deputación.
Dentro da limpeza viaria, os orzamentos prevén duplicar o servizo para crear dous equipos. Un que estea permanente en Rianxo e outro que garanta a limpeza dun día por semana das parroquias, das prazas e aceiras e zonas comerciais.
Se ben os orzamentos chegan máis tarde do desexábel para este equipo de goberno, sinalar que se buscou en todo momento ao longo de varios meses presentar propostas desde as áreas, un traballo que se intensificou nas últimas semanas nas comisións até rematar na sesión plenaria de onte co resultado coñecido.