O BNG solicita maior diálogo para reformar o Malecón

Reforma Malecón Ribeira
Reforma Malecón Ribeira

Desde o BNG solicitamos modificar diversos aspectos da obra

O BNG solicita maior diálogo para reformar o Malecón

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira presenta diversas emendas ao proxecto de reforma do Malecón, tras revisar os detalles da obra e escoitar as inquedanzas da veciñanza e comerciantes.

O voceiro do BNG, Xosé Vázquez Cobas, explicou que para a organización nacionalista é indispensábel construír unha estación de autobuses intermodal ao tempo que se acomete a reforma. En declaracións aos medios, Vázquez Cobas argumentou que “é imprescindíbel, a construción dunha dársena estación de autobuses intermodal (terrestre e marítimo) con billeteiras e servizos acaídos. Ribeira leva décadas sen un servizo funcional”.

O BNG critica a nula planificación do goberno de Ruíz Rivas ao non contemplar esta actuación na sinatura do convenio coa Consellería do Mar e Portos cando xa se sabía que sería precisa a cesión de terreos desas administracións.

Para o Bloque tamén é unha prioridade reducir a sinistralidade e perigosidade limitando a velocidade a 30km/h, a eliminación dunha estrada que partiría en dous un miradoiro cara o mar e o aumento das zonas verdes coa plantación de especies que se adapten ao noso clima oceánico, que proporcionen sombra. Neste sentido non ven adecuada a plantación de palmeiras.

Vázquez Cobas indicou que unha das modificacións que propón o BNG é dotar a Ribeira dunha zona verde singular convertendo a praza das Heroínas de Sálvora nunha Alamedaque albergue un monumento a súa memoria.

Finalmente o concelleiro Luís Pérez Barral, criticou a falta de consenso e de participación nunha obra de tal calado: “o PP e Ruiz Rivas voltan repetir erros pasados, ignorando a participación das asociacións como poden ser as veciñais, de comerciantes e hostalaría ou os propios grupos da Corporación Municipal”.