Adiante, relanzar o proxecto nacionalista
O Proceso Adiante nace do acordo da XV Asemblea Nacional do BNG de iniciar un proceso de refundación do Bloque Nacionalista Galego. Pretende incorporar homes e mulleres que, sen militaren na organización, comparten connosco a necesidade de que exista na Galiza unha expresión política propia nacionalista.
O fin último deste proceso é o de reactivar, reactualizar, reforzar e relanzar o proxecto nacionalista na Galiza mediante un proceso de debate diferente a calquera outro realizado con anterioridade, tanto pola metodoloxía a empregar como polo alcance do seu contido.
O Proceso Adiante ten que valer para lle ofrecer á sociedade galega un proxecto político, reactualizado nas súas análises, con maior capacidade de incidencia social real e vontade e capacidade de gañar para transformar positivamente este país e facer avanzar a Galiza cara á súa soberanía.
As principais características do proceso Adiante son as seguintes:
Participativo e aberto. Poderán participar tanto militantes como simpatizantes do BNG, así como outros partidos, colectivos e persoas nacionalistas.
De abaixo a arriba. Iniciarase nas bases militantes e simpatizantes do BNG. Irase perfilando coas súas achegas e rematará novamente sometido á consideración das bases do nacionalismo.
Democrático. O conxunto da militancia terá a primeira e a última palabra.
De consenso. Buscaranse puntos de encontro e consensos firmes e duradeiros no tempo, sobre aspectos básicos da liña política e organizativa do nacionalismo galego para as vindeiras décadas.
Transparente. Serán públicos os resultados de todas as votacións locais, comarcais e nacionais, a totalidade das achegas recibidas, así como as principais conclusións de cada unha das fases do proceso.
Acoutado no tempo. Este proceso iníciase no primeiro Consello Nacional após a XV Asemblea Nacional do BNG e terá que finalizar antes de marzo 2017.
Metodoloxía novidosa. Este proceso non será un debate convencional nin a metodoloxía a empregar será a habitual. Compaxinaranse mesas sectoriais, achegas individuais, discusións en asembleas abertas, comisións, grupos de traballo específicos, acompañadas con novos procedementos telemáticos de discusión e toma de decisións.
De debate aberto. Calquera aspecto que unha persoa considere que é de interese someter a debate, será obxecto de debate agás os principios ideolóxicos fundacionais do BNG reafirmados na XV Asemblea Nacional. Nese sentido, os ámbitos estarán enmarcados en tres bloques, a que hai que acrecentar unha reflexión transversal sobre o nacionalismo como alternativa política para este país:
A) Unha actualización da Radiografía da Galiza de hoxe, onde actualizaremos as nosas principais análises e diagnósticos sobre a situación económica, política, social, lingüística ou cultural da Galiza de hoxe.
B) Estratexia política do nacionalismo galego, onde revisaremos cales deben ser as principais ideas que debemos comunicar e como o debemos facer.
C) Participación política e modelo organizativo, onde definiremos cal é o modelo organizativo máis acaído para o nacionalismo galego nas vindeiras décadas
Todo isto e moito máis en www.adiante.gal